in , ,

O Corufest consolídase como festival LGTBIQ+ de referencia

Carla Antonelli recibe o Premio Samuel Luiz 2024. Imaxe de Nelson Corsino.
Carla Antonelli recibe o Premio Samuel Luiz 2024. Imaxe de Nelson Corsino.

Un ano máis e dende hai sete, o Corufest encheu de propostas escénicas e culturais diferentes espazos da cidade da Coruña cunha clara vocación: achegar ao público a figuras emerxentes e referentes das artes escénicas e do activismo cultural LGTBIQ+ do panorama galego, estatal e internacional. A sétima edición do Festival pola Liberdade afectiva e Sexual, Corufest, celebrouse do 9 ao 19 de maio na cidade da Coruña.

A primeira xornada abriunos as portas da casa museo Casares Quiroga coa exposición do artista visual e activista da disidencia sexual Felipe Rivas. Cuir inexistente é unha mostra sobre o pasado cuir, creada a través da intelixencia artificial coa que o artista xera imaxes afectivas de homes de distintas clases sociais e diferentes países latinoamericanos entre os anos 1900 e 1920. A exposición pódese ver ate o vindeiro 30 de maio.

Nesta edición as encargadas de abrir a programación escénica, o xoves 9 de maio, foron a compañía Elahood, formada por Sabela Domínguez e Julia Laport, que presentaron dúas pezas de danza: Intempestiva, a súa proposta escénica inspirada na obra e na figura da recoñecida autora Xela Arias -Día das Letras Galegas 2021- e Extender como si pudiera, a primeira proposta en solitario da bailarina e creadora Julia Laport.

Tras esta primeira xornada inaugural o festival continuaba o venres 10 de maio, cun encontro co escritor e guionista Nando López, que falou sobre a súa obra na biblioteca do Ágora. Na súa traxectoria narrativa destacan títulos como Hasta nunca, Peter Pan, Cuando todo era fácil ou El sonido de los cuerpos. Ademais, é autor de títulos xuvenís como El río de las primeras veces, Nadie nos oye ou Cuál es tu lucha.

O sábado día 11 o autor asinou exemplares no espazo cultural Galgo Azul e pola tarde participou na xanela Igualdade, sexualidade e identidade, que tivo lugar no Centro Sociocultural Ágora. O encontro tamén contou coa participación da actual directora xeral de Dereitos Culturais do Ministerio de Cultura e historiadora da arte, Jazmín Beirak; a deputada da Asamblea de Madrid, Jimena González; e o divulgador e activista LGTBIQ+ Daniel Tigrillo.

Na xornada do domingo 12 de maio o Corufest trasladouse ao teatro Rosalía de Castro para achegarnos If (La Ligereza), da Compañía teatral do Señor Smith, cun espectáculo que fai reflexionar sobre o presente e o que puido ser; un xogo de ficcións, un espello deformante de como outros eus fosen posibles, de como outras vidas fosen vividas.

O festival, un ano máis, contou co apoio do programa TRC Danza, que o xoves 16 de maio achegou ao Teatro Rosalía Ceibe, o novo traballo da compañía Fran Sieira. Ceibe é un espectáculo de danza e musica tradicional no que asistimos a unha liberación fronte aos roles de xénero dende a posta en escena, a caracterización, o vestiario, os pasos de baile… Todo pon en tela de xuízo o rol de xénero preconcibido dentro do baile tradicional e tamén, por extensión, da sociedade hetero-patriarcal e machista na que vivimos.

O venres día 17, o Corufest chegaba ao Teatro Colón con Simulacro, de Margarida Monteny e Carminda Soares. Unha peza que é un exercicio de intimidade, repetición e resistencia dos dous corpos que están en escena. Estes, en acción continua, exploran os límites da natureza dexenerativa do movemento e o xesto, creando así un espazo difuso entre o real e o escenificado, entre o público e o privado, potenciando durante toda a peza estados de vulnerabilidade, tensión e expectativa.


Publicidade

O realismo social tamén estivo presente nesta sétima edición do Corufest e o sábado 18 de maio novamente no Teatro Colón era o turno do espectáculo Sexpiertos, protagonizado por Telmo Irureta (gañador do Goya a actor revelación 2023) e Miren Arrieta. Nesta comedia sobre a sexualidade das personas con diversidade funcional non faltan momentos serios e potentes onde o humor e a dor conviven a partes iguais para unir en escena sedución e discapacidade.

O director xeral de Igualdade Real e Afectiva das Persoas LGTBIQ+, Xulio del Valle, protagonizou un encontro sobre políticas LGTBIQ+ o mércores 15 de maio na casa museo Casares Quiroga. Encontros  que continuaron o venres 17 de maio coa escritora Miriam Beizana no Galgo Azul e, na tarde dese mesmo día, no hall do Teatro Colón, onde tivo lugar tamén un encontro co dramaturgo Alberto Conejero, que conta cunha extensa obra de temática LGTBIQ+ e que obtivo o Premio Nacional de Literatura en 2019.

O festival outorgou por segundo ano o Premio Samuel Luiz ao compromiso social coa visibilidade LGTBIQ+. Un galardón que quere render homenaxe ao mozo brutalmente asasinado nesta cidade no ano 2021, referente internacional na loita contra os crimes de odio . Nesta edición o recoñecemento foi para activista Carla Antonelli, primeira muller trans deputada en España e senadora nas Cortes Xerais.

Do 14 ao 16 de maio tivo lugar o obradoiro Performar a disidencia, co profesional das artes escénicas Álvaro Caboalles. No que as persoas participantes, tiveron a oportunidade de experimentar na creación dunha peza onde a premisa era explorar a disidencia e, dende as marxes, fomentar a interacción co público nunha experiencia inmersiva e sensorial. O resultado do traballo das persoas participantes puido verse nunha mostra o 17 de maio na Fundación Luis Seoane.

O Corufest 2024 chegou ao seu fin o domingo 19 de maio na Fundación Luis Seoane co concerto do grupo coruñés emerxente Leria.

Logo de dez días de intensa programación e diversas actividades complementarias e de mediación, queda claro un ano máis que o Corufest continúa a súa consolidación coma festival escénico de referencia no eido LGTBIQ+.

Alberte Bello

Alberte Bello

Director de arte, creador e docente. Titulado Superior en Escenografía pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, formándose ademais con profesionais como Carlos Marquerie, Paco Azorín ou Pamela Howard. En 2020 funda o #ColectivoCBV, onde produce e protagoniza pezas como 'Menu-do día'. Activista que colabora coa sección PalcosLGTBIQ+ da Erregueté.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Acción do Comando Dramatúrxico, ofrecida por Joana von Mayer Trindade, antes de entrar ver 'Blondi' de David Loira en EDC10. Foto: Hugo Calhim Cristovao.

O antes e o despois en acción. Experiencias EDC10

Tres vellas na romaría

O Sete Falares celebra a súa 12ª edición