in , ,

Pensar con Orgullo

Pensar con Orgullo. Deseño de Raquel Boo.
Pensar con Orgullo. Deseño de Raquel Boo.

O pasado 20 de xuño celebrouse, na cidade de Santiago de Compostela, o V encontro “Pensar con Orgullo, Culturas e perspectivas queer”, organizado polo Consello da Cultura Galega, e grazas ao traballo da súa Comisión Técnica Temporal de Igualdade e Disidencias Sexuais, á que lle temos que agradecer o enorme esforzo dedicado a esta tarefa e o lugar dedicado, non só para o estudo, senón —e de xeito especial— para a visibilidade.

Sendo un espazo aberto para as perspectivas LGTBIQ+ no eido das artes galegas, foi curioso constatar a maior presenza —especialmente no público asistente— de profesionais das artes escénicas que doutras especialidades, como as plásticas ou audiovisuais, que si contaron con representantes nas diferentes palestras que sucederon ao longo da xornada.

Durante a mesma, presentáronse as conclusións do exhaustivo estudo que durante o ano anterior realizou o Foro de Identidades e Disidencias Sexuais, Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia, presentado por Carme Adán, Daniela Ferrández e Enrique Latorre.

E cales son, esas conclusións? Como está a presenza da diversidade no panorama artístico galego actual? Supoño que se estades a ler este artigo, xa teredes unha idea formada.

O estado da cuestión non é só precario, senón que me atrevería a dicir, ameazante.

Non podemos deixar de ver o panorama xeral no que estamos, nun país onde a política inxire directamente na xestión cultural, pretendendo adoutrinar a cidadanía, e exercendo a censura como ferramenta directa de abuso de poder.

No noso caso, en Galicia, non é preciso sequera botar man da censura para pechar a presenza da comunidade cuir na escena: basta con sometela ao sistema precarizado e precarizante das artes para ver como unha comunidade xa de por si marxinada, fica aínda máis ás marxes do sistema. Non fai falla xa facer presión nin censurar directamente: xa o propio sistema e a maioría de compañeiras da profesión encárganse de deixarnos de lado.


Publicidade

Así é o caso, centrándome xa directamente no eido teatral —que é o que mellor coñezo e o que máis me atinxe—, coa programación que se fai de xeito directo polos festivais e concellos do noso país. Frases como “Non acabo de ver que esa peza sexa para o meu público” son repetidas unha e outra vez a modo de mantra por persoas que supostamente están encargadas de ofrecer un abano cultural amplo e diverso. Unha mirada sobre a cultura personalista, patriarcal e prexuizosa, que supón a censura automática a propostas teatrais e artísticas pensadas por profesionais para ofrecer miradas distintas ás habituais. Elementos que nunca restan, senón que enriquecen a toda persoa disposta a mirar e escoitar.

Pola contra, temos que asistir á programación de pezas que poñen enriba das táboas propostas que empregan a burla e o insulto cara a nosa comunidade disfrazadas de humor.

No que vai de tempada teatral, eu mesmo fun espectador de catro pezas teatrais —e podedes ler as súas correspondentes críticas tanto na edición en papel como na páxina web da revista— que empregaban o “chiste de maricas” de xeito explícito, espallando a idea de que a homofobia está ben: non pasa nada por insultar a quen consideramos de segunda. Nunca na miña vida de espectador asistín a tal panorama.

Se o teatro é o espello dos tempos que estamos a vivir, imos aviados.
Curiosamente, ningunha persoa dedicada á programación teatral -en activo- estivo presente nas xornadas “Pensar con Orgullo”. Por que será?

Non é a primeira vez que sinalo a responsabilidade directa que temos as persoas privilexiadas de poder expresarnos enriba dun escenario. A mesma que teñen as persoas programadoras, que son as que deseñan a mensaxe xeral que emite un concello, un festival, de cara á súa poboación. A mesma que teñen os cargos políticos de ofrecer un sistema que asegure a liberdade no exercicio da cultura.

Cal é a mensaxe que queremos enviar?

Certamente, non todo é deserto. A primeira Xornada de Teatro Inclusivo organizada pola Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas este ano é un claro exemplo de que si hai persoas preocupadas pola inclusión e as miradas diversas. Do mesmo xeito, a programación de salas alternativas e festivais como o Corufest ou a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, son espazos onde esas “marxes” somos quen de amosar que os nosos produtos artísticos son de primeira categoría, aínda que logo o sistema pretenda volver a meternos no armario.
Non hai máis que mirar o número de funcións programadas para os espectáculos diversos na nosa carteleira.

Conclusións?

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'RELATIVE CALM'. Foto: Lucie Jansch.

Relative Calm

Rodrigo Francisco, director do Festival de Almada, entrega o Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024 de prensa especializada a Afonso Becerra. Foto: Patrícia Poção.

Afonso Becerra gana o Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024