A vida e a morte. A morte e a vida. Que estraña relación! Unha vai da man da outra; a existencia da primeira leva consigo a existencia da segunda e viceversa. Coa morte dunha persoa o tempo conxélase, deixa de existir, transfórmase para crear algo novo. A vida dun ser humano é unha formiguiña en comparación coa existencia do mundo. Como nos preparamos para aquilo inevitable que acontece cara ao final das nosas vidas? Como abordamos un tema tabú? Como nos preparamos para a morte?
A compañía valenciana Pont Flotant chega á MIT de Ribadavia co seu espectáculo Eclipse Total, gañadora nos premios MAX 2023 á mellor autoría teatral.
Un espectáculo que pon sobre a mesa un tema tabú: a morte. A peza formula esta temática conectándoa tamén coa vida, coa familia, coa memoria e coa efémera existencia do ser humano no noso planeta que se converte nun instante para a lonxevidade do universo. Trátase dunha peza de autoficción onde Jesús e Álex, dous actores, cuestionan a roda do tempo, a vida, a existencia humana anterior ao noso tempo e unha posible postexistencia. Asistimos pois, como indica a propia peza, a un “ensaio xeral postapocalíptico final” sobre a vida dun dos dous actores protagonistas: Jesús.
Para iso, establecen unha cronoloxía, é dicir, unha liña temporal na que se sitúan eles mesmos e os seus propios familiares dentro dun espazo temporal que vai mais alá da súa propia existencia. A liña temporal, transpórtanos a unha imaxe quizais desconcertante máis tamén algo cómica: dúas tumbas na que os dous personaxes falan o un co outro sobre a vida. Este momento vai ser especialmente significativo xa que se dá un salto a unha posíbel realidade dentro da autofición: unha reunión familiar entre os familiares de Jesús (Muñoz) e os familiares de Àlex (Cantó).
Observamos o traballo actoral de Muñoz e Cantó onde presentan e interpretan a cada un dos familiares-personaxes tanto de Àlex como de Jesús, destacando especialmente a habilidade de Muñoz para crear e diferenciar vocalmente a cada un dos seis personaxes que interpreta. No centro do espazo escénico vemos unha mesa grande dentro dun espazo circular móbil cun total de 12 cadeiras arredor. Estas serán o lugar no que vexamos a cada un dos personaxes, aos que Muñoz e Cantó nos irán recordando os seus nomes para non perder detalle.
O espazo sonoro (que corre a cargo de Adolfo García), o espazo escénico (Pont Flotant) e o deseño de iluminación (Marc Gonzalo) vincúlanse perfectamente dando lugar a unha imaxe sonora e visual que non pode deixar de ser máis poética; especialmente nos momentos de transición onde predomina o silencio tomando relevancia a acción.
No fondo, unha pantalla na que se proxectará unha imaxe dunha semente na terra. Esta semente irá crecendo e botando raíces a medida que evoluciona a peza. A imaxe, funciona como indicador do paso do tempo, a medida que as comidas familiares cambian co falecemento dos antigos membros e incorporación dos novos.
Avanzamos cara a unha situación incómoda, máis necesaria e vital. Se ben diciamos antes que asistimos a un “ensaio xeral pos apocalíptico final”, achegámonos cara a aquilo que non desexamos ver: a morte, mais esta chega sutil, suave e extremadamente humanizada. A despedida final faise quizais un chisco máis levadía, sen deixar de lado o desgusto de deixar marchar un ser querido.
Unha peza que parte do persoal, do íntimo coa finalidade de conectar co social somerxéndonos nun viaxe poético. A vida é só un intre.