in , ,

29ª edición de Sementes: Paseando polo Parque da Paz de Almada

Xoán Carlos Riobó e mais eu recollemos aquí as claves da última Mostra Internacional de Artes para o Pequeno Público

CUBO Elefante Elegante
'Cubo', de Elefante Elegante. Foto de Luís Aniceto.

Teatro Extremo é unha compañía que está vinculada á cidade de Almada desde o ano 1994, constituíndose como Asociación Cultural en 1996. Desde 2015 garanten o funcionamento e a programación do Teatro-Estúdio António Assunção, facendo un labor cultural imprescindible para toda a cidadanía cunha énfase especial dirixida ao público infanto-xuvenil da cidade e os seus arredores. Esta planificación cultural e cívica está desenvolvida con rigor e conciencia abarcando liñas de acción creativas, de programación, de educación teatral nas escolas e organizando o festival Sementes para o público desta banda do Tejo.

A compañía celebra este ano o seu 30º aniversario e tamén a 29ª edición do Sementes, Mostra Internacional de Artes para o Pequeno Público, que se desenvolveu en Almada e nas freguesías de Loures, Montemor-o-Novo, Palmela e Seixal entre o 17 de maio e o 2 de xuño.

A dirección do festival corre a cargo dun dos seus membros, Rui Cerveira, que conta coa axuda de toda a compañía (elenco, oficinas e parte técnica) e demais colaboradoras, formando así un rexo equipo para que o festival se desenvolva con total normalidade.

ROJO, DE MIREIA MIRACLE E CALOR, DE JEAN PHILIPPE KIKOLAS

O 29 de maio, día da nosa chegada, o palentino Jean Philippe Kikolas actuaba na praza urbana Largo Gabriel Pedro dentro dunha pequena carpa baixo as estrelas. Ao día seguinte, a madrileña Mireia Miracle facíao na mesma praza á luz do día co espectáculo Rojo. Jean Philippe Kikolas mestura o clown con técnicas circenses e Mireia bebe dos pallasos como Charles Chaplin e do teatro xestual, mais as pezas tratan poeticamente as relacións humanas e a necesidade de comunicarse cos demais. Nos seus espectáculos, Kikolas e Miracle emprenden unha viaxe nómade na procura de liberdade, da acollida e da calor humana. Os dous apóianse no xesto máis que na palabra, na interacción co público, na improvisación ás veces, na poética dos corpos…

CALOR Jean Philippe Kikolas
FESTIVAL SEMENTES 2024
‘Calor’, de Jean Philippe Kikolas. Foto de Luís Aniceto.

RESPIRAR (12 VEZES). COPRODUCIÓN ENTRE TEATRO ART´IMAGEM, TEATROMOSCA E LA TÊTE NOIR

Teatro Art´Imagem, compañía residente en Maia, coproduce este espectáculo xunto a compañía portuguesa de Cacém, Teatromosca, e a francesa La Tête Noir, dando continuidade a eses intercambios que as compañías veñen de iniciar hai anos.

A escenografía, de Pedro Silva, é bela e elaborada. Unha cama redonda que ocupa o espazo central está dentro dun útero feito con distintos tecidos e telas que dividen e á vez unen o terreal co etéreo. A ilusión fainos sentir un espazo íntimo e á vez, aberto. Nese espazo desenvólvense os soños dunha nena que desexa falar co seu avó morto. Este texto poético da dramaturga francesa Marie Suel, proponnos un encontro entre unha nena e o seu avó no que, a través da complicidade do diálogo e os xogos que van realizando, vanse desvelando os medos de dúas xeracións tan dispares como son a infancia e a vellez. Interpretada magnificamente por Milene Fialho, unha actriz que amosa a inocencia e a tenrura dunha nena pequena que se pregunta cousas, e Pedro Carbalho, que ten na súa paleta unha ampla gama de recursos interpretativos e inxire esa madureza profesional para construír o papel de avó.

RESPIRAR 12 VEZES Teatro Artimagem Teatro Mosca e La TeTe Noire company
‘Respirar (12 vezes)’ – Teatro Art’Imagem, Teatro Mosca e La Tête Noire Compagnie. Foto de Luís Aniceto.

1 de xuño: Día Mundial das Crianzas

Habitualmente, o Sementes celebra o Día Mundial das Crianzas no Parque da Paz. O festival ábrese á cidadanía cunha gran fin de festa chea de espectáculos e actividades paralelas que se desenvolven durante todo o día neste pulmón da cidade.

A compañía galega Elefante Elegante aproveitou a súa estadía para ofrecer un obradoiro, “Teatro de movimento”, dirixido a público familiar, que contou con distintas actividades co obxectivo de explorar o corpo e o espazo a partir do teatro físico. Ese mesmo día actuaron con Cubo nun palco instalado no parque. Anteriormente tiveron outra actuación no Castelo Pires Côche de Santa Iria da Azóia, en Loures.

O feito de actuar nun espazo ao aire libre condiciona, na nosa opinión, as sensacións do espectador que perde a riqueza da luz proxectada no movemento dos corpos e do cubo.

En Cubo, María Torres e Gonçalo Guerreiro, exploran as posibilidades de xogo dialogando entre o corpo, o espazo e o obxecto, que é un cubo de madeira de considerables dimensións. Predomina a xestualidade sobre o texto, e o espectáculo narra as dificultades da convivencia cando unha persoa decide saír da casa e ver outras cousas mentres a outra prefire a comodidade e a seguridade do seu acubillo.

Esta compañía, fundada no ano 2000, estableceuse en Galicia no 2007. Achega unha estética rigorosa baseada no teatro físico dentro da escena galega.

Distort the Body, da compañía belga Gedachtegang, é unha performance interpretada por Jakobe Geens que vai na procura de novas identidades, transformándose e cambiando o seu corpo coa axuda duns postizos.

Distort the Body Gedachtegang
‘Distort the Body’, de Gedachtegang. Foto de Luís Aniceto.

Pamela Mastrorosa, de nome artístico Nina Theatre ofreceunos Mettici il Cuore, un espectáculo de variedades con marionetas de mesa feitas con distintos materiais. Nina gaña ao público coa súa presenza, a mirada inxenua, a vestimenta, que semella unha mestra antiga de pobo, o seu xesto amable e o contacto con todos os monecos que manipula. Con eles, vainos levando por pequenas historias entrañables, sinxelas e poéticas. Aínda que está dirixido a público de máis de tres anos, interesa tamén ás familias. O espectáculo está creado e distribuído por ela mesma e dedícao á memoria do seu pai.

Tamén contamos con dous espectáculos itinerantes que desfilaron polo paseo do parque.

Campi qui Pugui representou Más allá del bosque. Tres personaxes saídos das profundidades dun bosque encantado deixan asombrados ás crianzas pola súa singularidade fantástica. Esta compañía de Lleida fai teatro de rúa con espectáculos para distintas idades, introducíndose recentemente no teatro de sala para experimentar con outras linguaxes.


Publicidade

Como vén sendo habitual, Wetumtum fai espectáculos divertidos e educativos, co público sempre participativo. A Brigada Splash, está composta por un complexo aparello movido por tres personaxes que van recrutando novos membros entre as crianzas para poder mellorar eses males da humanidade como poden ser o desperdicio de recursos ou a contaminación. As crianzas participaron activamente co obxectivo de construír un mundo mellor.

BRIGADA SPLASH Wetumtum red
‘Brigada Splash’, de Wetumtum. Foto de Luís Aniceto.

A Companya La Cresta, montou dúas instalacións interactivas, Orkestronia, que conta con instrumentos musicais construídos por Àlex Rigol con materiais recuperados onde un mesmo pode tocar e crear a súa propia música e, Sonarium, un espazo de xogo para os máis pequenos, instalado sobre distintas estruturas para poder experimentar coa linguaxe sonora.

Por outra banda, acompañounos Aletria-Biblioteca Itinerante, unha furgoneta cargada de libros. Durante o festival estivo viaxando por distintos espazos para ofrecer historias contadas, conversas e xogos para toda a familia.

Crincar=Criar+Brincar. Ludoteca artística creada pola Associação Cultural o Mundo do Espectáculo, que propón un espazo para brincar en torno a dispositivos artesanais que convidan a explorar creativamente a través da creación plástica e dramatización, partindo de obxectos e materiais de uso aberto.

A festa rematou cun concerto de PédeXumbo, unha asociación que promove a música e a danza, e traballa co repertorio coreográfico tradicional portugués.

Parcería entre Harem de Teatro e Teatro Extremo

Durante os días do Festival tivemos ocasión de conversar con Francisco António Vieira, máis coñecido como Francisco Pellé, un dos fundadores, xunto a Arimatan Martins e Airton Martins, do Grupo Harem de Teatro con sede en Teresina, Capital do Estado Nordestino do Piauí, no Brasil.

Con este grupo, fundado en 1985 e organizador en Teresina do FestLuso, Festival de Teatro Lusófono, o Teatro Extremo realiza dende hai catro anos parcerías debido a que, entre ámbolos dous colectivos, existen afinidades estéticas e éticas, segundo manifesta Fernando Jorge Lopes, actor de Teatro Extremo.

Este ano, o proxecto en común leva por título Combustível. A historia da peza está situada no abrupto xurdir dunha nova hipotética Idade do Xeo provocada pola acción humana. Un profesor catedrático, illado e soíño no soto dunha biblioteca, encóntrase perante un dilema, unha vez que o frío é demasiado intenso. Todo o que era combustíbel xa foi queimado excepto os libros.

Esta peza ten a estrea marcada para o día 28 de agosto, ás 20h30, no Teatro 4 de Setembro, dentro da programación da 24 edición no FestLuso, en Teresina. O espectáculo representarase en Brasil e Cabo Verde en 2024, e Moçambique, Angola e Portugal en 2025.

O texto, da autoría de Fabio Christian, tamén autor da banda sonora, será dirixido por Arimatan Martins. Ao elenco principal, Fernando Jorge Lopes (Portugal) e Francisco Pellé (Brasil), engádese unha actriz doutro país de lingua portuguesa, nunha residencia artística.Esta montaxe ven sendo a 64ª creación de Teatro Extremo.

Durante este Festival, onde ademais de teatro hai tamén música e diferentes obradoiros, Teresina, unha cidade do Nordés, gaña visibilidade converténdose na capital brasileira das Artes.

Compre lembrar que en dúas edicións anteriores (2009 e 2012) participou Cándido Pazó, o noso narrador, dramaturgo, director e actor.

CHOVEM PERGUNTAS Teatro Extremo
‘Chovem Perguntas’, de Teatro Extremo. Foto de Luís Aniceto.

Antón Lamapereira

Antón Lamapereira

(Monforte de Lemos, 1945). Profesor xubilado de Filosofía no Ensino Secundario. Cofundador da Escola Dramática Galega e fundador e director da erregueté | Revista Galega de Teatro ata o ano 2016. Membro do seu Consello Editorial. Actor e director de teatro afeccionado en diferentes grupos como Avelaiña teatro (Pontevedra) ou Teatro Aberto (Cangas do Morrazo).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

7 Bubbles

Vilagarcía de Arousa acolle o Festaclown

Nada se sabe, do CDG e Culturactiva. Imaxe de Rosinha Rojo para a MIT de Ribadavia.

Nada se sabe