O vindeiro domingo, día 22 de setembro, dará comezo en Póvoa de Varzim a 15ª edición do Festival Internacional É-aqui-in-Ócio, organizado pola Varazim Teatro-Associação Cultural.
O É-Aqui-in-Ócio é unha plataforma de intervención artivista que procura fomentar diálogos sobre cuestións urxentes de actualidade creando, en cada edición, un espazo que acompañe á reflexión colectiva e facilitar así, accións de cambio para mellorar o mundo no que vivimos.
“Caminhando por paisagens de Humanidade, em horizontes de Liberdade” é o lema polo que van transitar os espectáculos programados nesta edición, que tamén celebra os 50 anos do 25 de Abril cun ollar profundo sobre o tema da Liberdade, propondo unha serie de reflexións e provocacións sobre a liberdade que temos na actualidade e a que queremos para o futuro.
Esta edición ofrece un programa diversificado, con espectáculos de danza, música, performance, narración oral, artes de rúa, circo e cinema. Tamén inclúe mesas de reflexión e unha exposición, Adeus, Pátria e Família, actividades que enriquecen o diálogo en torno a Liberdade.
O É-aqui-in-Ócio desenvolverase ata o 5 de outubro. Haberá unha pre-apertura realizada pola Companhia Coração nas mãos, que levará o espectáculo circense, Carmim, ás freguesías de Terroso, Amorim e Aver-o-Mar entre os días 20 e 22 de setembro.
A apertura oficial será o día 22 no Cine-Teatro Garrett de Póvoa de Varzim co espectáculo Territórios de Liberdade (estreada o día 14 de setembro no Teatro Municipal Constantino Nery de Matosinhos), un texto do dramaturgo Zé Paredes coproducido pola Companhia Certa, da Varazim Teatro, Tanxarina Títeres, de Redondela e o Centro Dramático Galego, baixo a dirección de Quico Cadaval.
A presente edición do É-aqui-in-Ócio conta cunha ampla participación galega. O día 23 Quico Cadaval levará o espectáculo de narración oral Os inocentes ao espazo íntimo que utiliza a Varazim Teatro para desenvolver as súas actividades, Espaço d´Mente.
A música tamén estará presente. A cantora galega Uxía Senlle, tan ligada a Portugal e as súas raíces musicais, ofrecerá un concerto o día 26 no Cine-Teatro Garrett. Estará acompañada de Santiago Cribeiro ao acordeón e Sèrgio Tannus á guitarra, viola, caípira e cavaquinho. Os grupos de música tradicional, Fondãos do Pífaro e Os canallas, amenizarán coa súa música as rúas de Póvoa os días 21 e 28 de setembro.
Entre os espectáculos que acollerá o festival están As Formigas, da Companhia do Chapitô, o espectáculo itinerante Trans(h)umância, da Companhia de Teatro Kopinxas, ou a performance de Teresa Fabião, Una.
O É-aqui-in-Ócio mantén os compromisos con principios que son piares e marcas distintivas do festival: accesibilidade, inclusión, equidade de xénero e sustentabilidade. Nesta edición acolle un amplo número de espectáculos con audiodescrición e conta con interpretación en Língua Gestual Protuguesa en todas as presentacións con palabra falada.
Este Festival conta co apoio institucional da República Portuguesa, Direção Geral das Artes, Comunidade Ibercena, Câmara Municipal da Póvoa de Varzim e União de Freguesias de Aver-o-Mar, Amorim e Terroso.