in ,

O Salón Teatro acolle a reestrea de ‘Terceiro acto’

A produción propia do CDG de 2021 regresa ao escenario cun elenco que incorpora novos nomes

Presentación TerceiroActoCDG 2024 reducida
Presentación oficial da reestrea de 'Terceiro acto'. Fonte: Agadic.

O Salón Teatro acolle esta tarde, ás 20.00 horas, a reestrea de Terceiro acto, a produción propia do Centro Dramático Galego de 2021 que regresa aos escenarios como parte da recta final da actividade que a unidade teatral da Xunta de Galicia ten programada para conmemorar o seu 40º aniversario. O espectáculo, con novos nomes no elenco, permanecerá en cartel en Santiago de Compostela ata o día 20 de outubro, para iniciar despois unha xira por outros oito concellos galegos.

A peza, con dirección e dramaturxia de Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, conta agora coas interpretacións a cargo de Belén Constenla, Fernando Morán, César Cambeiro, María Costas e César Goldi. Os tres últimos tómanlle o testemuño a Tatán R. Cunha, Mabel Rivera e Roberto Leal, integrantes do primeiro elenco reunido hai tres anos. Consérvanse as realizacións artísticas orixinais: a escenografía deseñada por Marta Pazos, o vestiario de Yaiza Pinillos, a coreografía de Amaya Galeote e a iluminación de Miguel Ruz, en tanto que Laura Míguez se incorpora como axudante de dirección.

A xira

Despois das funcións no Salón Teatro, Terceiro acto visitará ata mediados de novembro os escenarios de Lugo (Auditorio Gustavo Freire, 24 de outubro), Narón (Pazo da Cultura, 26 de outubro), Tui (Teatro Municipal, 31 de outubro), Pontevedra (Pazo da Cultura, 2 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 8 de novembro), Cedeira (Auditorio Municipal, 10 de novembro), A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 14 de novembro) e Ourense (Teatro Principal, 16 de novembro). Materializarase así unha xira que en 2021 non foi posible realizar por mor da pandemia, co que se “optimizará a distribución e a rendibilidade social do espectáculo”, segundo explicou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais na presentación oficial da reestrea celebrada este martes no Salón Teatro.

Ademais, o Centro Dramático Galego daralle continuidade ao seu plan de mobilidade, que traerá durante este mes ao Salón Teatro público concertado procedente de 50 concellos galegos baixo a pregunta Sobes ao autobús do teatro?. Así, durante a primeira semana recibiranse xa autocares desde Outes, Negreira, Allariz, Amoeiro, Ribeira, Boiro, Mesía, Frades, Alfoz, Barreiros, Vilalba, Cervo, Xermade e Guitiriz.


Publicidade

Sinopse

“Terceiro acto ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida á vez que reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual. Sobre a escena, unha troupe de actrices e actores veteranos reúnese de xeito clandestino pola noite para emprender a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Revivirán o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está, ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Analizarán o seu legado e proxectaranse no futuro incerto para falar sobre a vellez, a morte, os seus anhelos e desexos para esta nova etapa vital.

O espectáculo convértese deste xeito nun lugar de encontro, coa conversa como base. Os actores e actrices fúndense nas personaxes para compartir co público a súa memoria, os seus soños e as súas emocións nunha viaxe apaixonante a través das experiencias dunha parte viva do teatro en Galicia, o que conecta tamén coa conmemoración da traxectoria de catro décadas de teatro público, desde a fundación do Centro Dramático Galego en 1984″.

Entradas

As entradas para as funcións no Salón Teatro están xa á venda en liña a través de ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes do número 34 da compostelá rúa Nova desde dúas horas antes de cada pase. Agás o día da estrea, todas as representacións darán comezo ás 18.00 horas, desenvolveranse con lingua de signos e audiodescrición e terán lugar de mércores (función descontraída) a domingo (día do espectador).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Visitas teatralizadas Salón Teatro

O CDG abre a inscrición para as novas visitas teatralizadas ao Salón Teatro

Circo de Pinocho Interior reducida

EducaTeatro estrea ‘Circo de Pinocho’