in , , ,

O Galicreques celebra a súa 29ª edición

O seu programa inclúe 12 estreas e a entrega do premio de honra a Tatán

'El traje'.
'El traje', de La Sal Teatro. JAC.

O Festival Internacional de Títeres Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde coa colaboración do Concello de Santiago, da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais (Inaem), de Iberescena e da Fundación SGAE, inaugurará o vindeiro sábado, 12 de outubro, a súa 29ª edición, que se desenvolverá ata o domingo 20 de outubro.

12 estreas

Dentro da programación deste ano inclúense, entre outras actividades e funcións, 12 estreas. Entre estas estreas destaca a presentación do espectáculo Lémbrame.Spominaj na mnje, unha coprodución do Centro Dramático Galego xunto á compañía galega Títeres Alakrán e a alemá Bautzen Theater. A obra, creada ao abeiro do proxecto Phōnē, “é unha homenaxe á memoria, á tradición e á raíz”. Nela poranse en valor dúas linguas: o galego e mais o sorobio. A obra poderase ver o día 15 de outubro no Salón Teatro.

Pola súa banda, a compañía galega Titiritres estreará o luns 14 Emotivas, espectáculo que se encargará de abrir a programación escolar desta 29ª edición. Trátase dun espectáculo no que o público miúdo poderá descubrir que son as emocións a través da amizade de tres personaxes: Melancolía, Irritación e Seguridade. Outro nome da escena galega que estreará dentro da programación de Galicreques será Olga Abad, quen representará por vez primeira o seu espectáculo Un gran plan. Farao dentro da programación CARA BÉ, sección do Galicreques orientado para o público adulto.

Dúas das estreas chegarán dende o outro lado do Miño. A primeira delas terá lugar na Alameda tamén o luns 14 de outubro e correrá a cargo da compañía Marionetas Rui Sousa, que lle presentará á cativada a súa obra As marionetas também têm coração. O propio Rui Sousa participa tamén na outra estrea lusa: Portugalidades. Neste espectáculo, no que tamén intervirán Nuno Correia Puinto e Luis Manhita, “procúrase representar Portugal coas súas artes máis distintas para celebrar o cincuentenario da Revolución do 25 de abril”. Trátase “dun desfile de cancións e expresións, con alegorías ao fado e á música portuguesa popular, sen deixar de lado a poesía e o teatro de marionetas”.

Dúas compañías vinculadas con Arxentina escolleron tamén Galicreques para estrear os seus novos espectáculos: Tres Tigres, que presentará a súa nova obra Desde El Altillo. Historia de un exilio, e Signe Diesel, formación franco-arxentina que traerá ao festival compostelán a súa obra inédita Kazu.

Os salvadoreños de Ocelot teatro estrearán a súa obra Martín cabeza de hacha, mentres que os colombianos La Pepa del Mamoncillo representarán por vez primeira en Europa a súa peza Napoleón e Josefina. Dende Andalucía chegará El Traje, da compañía La Sal Teatro, e os valencianos de Vudú Teatro arribarán coa súa nova proposta: Oráculo FM. Por último, a compañía conquense Títeres Larderos dará a coñecer en Galicreques a súa obra Pelos Operación Agua.

Programa completo do Galicreques 2024


Publicidade

Funcións escolares

Galicreques ofrecerá este ano unha programación escolar conformada por 15 funcións destinadas ao alumnado de colexios e institutos. Os espazos nos que se realizarán estas funcións serán a Fundación SGAE (Rúa Salvadas 2ª, Parque de Vista Alegre), o Teatro Principal (Rúa Nova, 21) e o Centro Sociocultural Santa Marta (Rúa Antonio Rama Seoane, 6). Ademais, a xa tradicional Carpa de Galicreques na Alameda volverá a ser unha das sedes do festival e tamén albergará funcións destinadas ao público escolar. As funcións desenvolveranse entre o luns 14 e o venres 18 de outubro.

Premio de honra a Tatán

O Galicreques vén de dar a coñecer tamén que lle concede o premio de honra da súa 29ª edición a Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, “figura imprescindible da escena galega en xeral e do teatro de monicreques en particular”.  Esta edición do festival  e entregaralle a distinción a Tatán na función de clausura que acollerá o Teatro Principal na noite da derradeira xornada de programación

Con este Premio Galicreques 2024, “celébranse e reinvindícanse a traxectoria, o esforzo e o talento dun dos grandes nomes das nosas artes escénicas”. Deste xeito, a organización do festival destacou o seguinte arredor da súa pioneira e dilatada carreira: “Sen o seu traballo como actor e  como titiriteiro, o noso teatro non sería o que é hoxe por hoxe. Tatán forma parta da xeración de pioneiros que abriu camiños para a dignificación da escena dos monicreques. O seu labor en Tanxarina, unha das compañías máis importantes do país, é exemplo para todas as xeracións, para calquera artista e para o futuro deste oficio das marionetas. Galicreques agradécelle a Tatán con este premio a súa enorme, brillante e imprescindible contribución ao teatro”.

Tatán recibirá o galardón o domingo 20 de outubro no Teatro Principal de Santiago, antes da función de clausura deste 29º edición do Festival Galicreques. Nela poderase ver o espectáculo Kazu, da compañía franco-arxentina Signe Diesel.

Tatán
Tatán

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Afonso Becerra

Ficción e identificación no fútbol e no teatro

barriga Verde alakran reducida

A UNIMA recoñece o traballo polo patrimonio da Asociación Morreu o Demo