in

Celébrase o VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal

O domingo 27 de outubro terá lugar o VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, que se vai celebrar no Teatro Rosalía de Castro da Coruña

'A VIDA ÚTIL DA PORCELANA' (Galiza) de Samuel Merino e Silvia Penas. II Premio do VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2023. Foto: Afonso Becerra
'A VIDA ÚTIL DA PORCELANA' (Galiza) de Samuel Merino e Silvia Penas. II Premio do VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2023. Foto: Afonso Becerra

O domingo 27 de outubro terá lugar o VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, que se vai celebrar no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Esta actividade, organizada pola AELG, conta coa colaboración do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña, CEDRO e Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo. A entrada é libre e gratuíta.

Para dar apoio e fomento de novos proxectos escénicos a través dunha convocatoria e mostra dos mesmos, dentro dunha xornada para compartir, analizar e debater, naceu o Festival Pezas dun Teatro do Porvir: Galiza + Portugal. Trátase dun festival único en Galiza para impulsar e analizar pezas que están en proceso de creación e que buscan abrir e compartir ese proceso con outras persoas, cun público, e con especialistas en artes escénicas. Ao mesmo tempo, tamén se procura tender pontes, dentro do Eixo Atlántico peninsular, coa veciña Portugal.

O programa inclúe unha Masterclass sobre un tema relevante. Neste 2024 o convidado de honra é Roberto Pascual, dramaturgo, investigador, docente e director artístico durante unha década e media (2009-2024) da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, quen se ten caracterizado por realizar programacións cun alto compromiso humano respecto aos valores de liberdade, diversidade e inclusión de colectivos marxinalizados. Así o fixo tamén na súa ópera prima, coa que acadou o Premio Rafael Dieste de textos teatrais en 2021, titulada Sophie non é o meu nome de guerra.

VII FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR, GALIZA + PORTUGAL 2024

A sétima edición do festival acolle 7 proxectos (4 galegos e 3 portugueses), que serán amosados e compartidos en público.

Desa selección, logo das presentacións no VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, a comisión organizadora da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués em Vigo, e o convidado de honra, Roberto Pascual, contando co voto emitido polos propios participantes, premiarán proxecto(s) coa posibilidade da súa estrea. Non obstante, este premio podería quedar deserto, se o xurado así o considerase.

PROGRAMA

DOMINGO 27 DE OUTUBRO

No Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Entrada libre.

– 10:00 h. Apertura da Xornada a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e representantes das institucións colaboradoras.

VII Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (mañá).


Publicidade

– 10:30 h. Nuna. Por Favor não mexer/Por favor não tocar.

– 11:15 h. Paula Sanmartín. Némese en tránsito.

– 12:00 h. Andrea González García. En carne viva.

– 12:45 h. Aula maxistral a cargo de Roberto Pascual.

VII Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (tarde).

– 16:30 h. Isabel Milhanas Machado. Uma história.

– 17:15 h. Luís Campião. Carta à mãe.

– 18:00 h. Carlota Mosquera. Ninguén tira fotos nos enterros.

– 18:45 h. Sol Mariño. A Velha Berimbau.

– 19:30 h. Deliberación, por parte do Comité de Selección do Festival, formado por Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, Director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español, Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués em Vigo; e Roberto Pascual, contando cos votos emitidos polas/os creadoras/es dos proxectos escénicos presentados.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: A Ramboia

A Ramboia estrea no FITO ‘Un tal Romeo’

'Buenos días señorita Lelia' de El Rayo Misterioso

Do terrible e o risible