Na noite do 5 de marzo de 2006 está a piques de rematar a 78ª gala dos premios Óscar en Los Ángeles. Sen ningunha dubida, hai unha gran favorita para o premio rei da gala, o galardón á mellor película. Brokeback Mountain chega á gala despois de gañar os premios á mellor película nos BAFTA, Globos de Ouro ou no Festival de Cine de Venecia, e cunha crítica que daba por feito que a competición estaba decidida incluso antes de comezar. Chega o momento e Jack Nicholson abre o sobre. Ang Lee, o director desta película, prepárase para saír. Jack Nicholson nomea a película gañadora: Crash.
Que pasou para que unha película que tan só gañara outros dos premios Óscar, un número inusualmente baixo, superara a Brokeback Mountain? Que pasou para que Leonardo DiCaprio, Brad Pitt ou Mark Whalberg rexeitasen participar neste western? Por que Clint Eastwood confesou nunha festa previa aos premios, organizada polo equipo de Crash, que non vira o filme sobre dous cowboys gais, sendo el un dos principais referentes do xénero do oeste?
Pasou que en 2006 unha película sobre dous homes que se namoran no afastado oeste non podía ser recoñecida como a mellor película do ano. Pasou que a homofobia era tan imperante nas sociedades occidentais que isto era inimaxinable. E que tiñan que pasar once anos, ata a gala de 2017, para que gañase este premio unha película cunha trama central arredor de personaxes abertamente homosexuais, e para que Moonlight lle fixese xustiza a Brokeback Mountain.
Viaxamos agora ata outubro de 2024. E non, a homofobia non desapareceu da nosa sociedade. Non faltan exemplos, pois mentres ascende a extrema dereita, as agresións LGTBIfóbicas parecen multiplicarse. E viaxamos á Guarda. Nunha enquisa realizada nesta vila a persoas LGTBIQ+, un 25 % compartiu ter sufrido acoso escolar pola súa orientación sexual ou identidade de xénero. Ningunha das 24 participantes afirmou estar fóra do armario no seu centro de saúde e o 29 % compartiu dificultades á hora de relacionarse coa Administración pública. Porque fóra das cidades, a homofobia está aínda máis enquistada.
E como todos os outonos, chega a programación teatral do Concello da Guarda, e este ano ábrea Brokeback Sabucedo da man do Centro de Información á Muller. Eu, como adoito facer cada vez que programan unha obra de teatro, organicei unha pequena excursión con algúns dos rapaces e rapazas que participan nos obradoiros de teatro que organizamos en FOCO, a asociación na que traballo. Esperando a que comezase estabamos a falar, e un deles dixo: “Pero sabe toda esta xente que vai de gais?”. E esta pregunta, en aparencia insignificante, ten gran relevancia.
Sen dúbida, o noso grupo era o máis novo de todo o teatro, cunha idade media de quizais máis de sesenta anos. Este é un público que confía na programación do Concello e vai ás obras programadas sen investigar de que van. Este é un éxito da descentralización do teatro en Galicia, pois xera un hábito teatral forte. Ao mesmo tempo, pon en contexto as circunstancias nas que se representa esta obra: non se trata dun público LGTBIQ+ (eramos unha minoría moi minoritaria na sala), nin activista, nin cunha conciencia profunda sobre os dereitos do colectivo.
E funcionou. De igual xeito que Barbie, o éxito cinematográfico do verán, ofrece un achegamento accesible ao feminismo, Brokeback Sabucedo consegue mesturar algo que pode resultar descoñecido para parte do público con elementos que conectan coa realidade das vilas galegas. Combina o que implica estar no armario coa tradición da rapa das bestas; aborda a dificultade de aceptar a propia atracción por alguén do mesmo xénero e relaciona isto coa migración a Madrid de parte da poboación galega; ou achega ao público o concepto de educación en diversidade mentres o invita a participar nunha verbena.
E isto resulta en algo que eu pensei inimaxinable. Que cada vez que non chegue ese primeiro bico o público suspire frustrado, ou que se celebre, se aplauda, se aclame unha relación homosexual. É unha peza que evita discursos complexos e prefire un relato sensible, pensado para quen aínda non coñece. E este é sen dúbida o principal valor de Brokeback Sabucedo.