Un ano máis, Titiriberia botouse á rúa. Espallouse por Rianxo como unha marea de monicreques e de celebración, na semana máis festeira do verán. Entre o 12 e o 18 de agosto, en Rianxo non se sentiron os ecos das verbenas, nin as atraccións eléctricas competiron en vatios pola atención das crianzas. Á Alameda de Rianxo volveron a sorte do paxariño, os xogos de forza e puntería e as porfías entre vendedoras ambulantes. No mesmo lugar no que se xuntan semanalmente os postos do mercadiño máis auténtico, a Asociación Morreu o Demo, organizadora do festival, reviviu os tempos nos que a amplificación era cousa de palletas e os monicreques eran o principal entretemento de maiores e crianzas.
Durante toda a semana, o Campo de Arriba, que linda coa praza de Castelao, transformouse na Feira Vella, espazo de transaccións económicas e sociais que tantas lembranzas trouxo ás rianxeiras máis veteranas. Alí déronse cita, alén dos autómatas de Kinétiko e das atraccións tradicionais, os lambe-lambe de Kukas e Isabel Rei ou o Cantar do Ano, onde o cego, encarnado por Anxo García, rememorou os feitos salientables dos meses previos para a veciñanza. O titiriteiro lalinense aproveitou ese mesmo espazo para presentar a súa nova peza arredor de Peito de Lobo, personaxe popular da vila rianxeira inmortalizado por Castelao. Pola súa banda, a veterana compañía rianxeira Airiños, unha presenza fiel no festival, levou ao Campo de Arriba os releos das vendedoras e as típicas conversas deste espazo tradicional de socialización.
Máis citas no exterior
Como novidades, nesta edición primaron as funcións ao aire libre, aproveitando a posición central do Campo de Arriba na vida do Rianxo estival. E alí, naquel ambiente de feira antiga, representou A Cova das Letras Chafallas. A vendedora de fume, a particular homenaxe de Cris Collazo ás feirantes. Pola súa banda, a veterana compañía murciana Los Claveles acaparou os aplausos do público coa súa versión de El retablillo de Don Cristóbal, amosando a vixencia dos versos lorquianos postos na boca dos irreverentes monicreques de luva.
Foi tamén o espazo das Varietés, que recuperaron deste xeito a esencia feirante coa que naceran nos inicios do festival, cando a gala máis gamberra se celebraba na feira do San Martiño de Francos. Na véspera, a galega Babaluva, coa súa Filla do Cacharulo, fixo as delicias do público enchendo de sabor mariñeiro a velada da Alameda.
De baleas e outros mitos
Os vínculos entre o mar e os monicreques estiveron, de feito, moi presentes nesta edición do festival, xa desde o pasarrúas inaugural no que os Quinquilláns deron vida á balea que Rafael Dieste evocara nun dos seus relatos, xunto co xigante Barriga Verde de Alakrán e os cabezudos da agrupación cultural Vai de Roda. Tamén ecoaron as ondas na estrea en lingua galega do espectáculo Baleazaleak, da compañía Ostomila, inspirada na epopea dos baleeiros vascos en Terranova, e que deu o disparo de saída ao festival nunha das poucas funcións que tiveron lugar no Auditorio. Este espazo ficou reservado para aquelas propostas que, polas súas características técnicas, non podían ser amosadas no exterior, como Un hilo me liga a vós, da madrileña La Tartana, onde as luces e o aparato escenográfico formaban parte do elenco que traslada os mitos gregos ao público familiar, creando un ambiente fantástico que axuda a entender a potencia dos relatos míticos na base das culturas. Mais a visita ao Auditorio de Rianxo durante a semana do festival converteuse en obrigada para todas aquelas que quixeran descubrir os segredos das marionetas checas. Grazas ao apoio do Ministerio de Cultura da República Checa a través do Plan Nacional de Renovación e os Fondos Next Generation da Unión Europea, da Embaixada da República Checa en España, do Centro Checo en Madrid e da Facultade de Teatro da Academia de Artes Escénicas Leoš Janáček (JAMU), de Brno, Rianxo puido acoller a primeira exposición dunha gran mostra de marionetas pertencentes á colección da familia Jiráskovi, con duascentas pezas do século XIX.
A estudosa Marie Jiraskova achegou ás persoas participantes algunhas técnicas na manipulación desas marionetas, nomeadamente as de trucaxe, durante o obradoiro celebrado no cadro da Escola de Títeres do festival. Eufrasio Lucena, antigo profesor da ESADG e actualmente docente na de Sevilla, exerceu de intérprete de Marie e Pável Jirasek durante as distintas visitas guiadas á exposición, que xerou grande interese entre as persoas visitantes.
Podrecca e a etapa dourada dos monicreques
As marionetas checas serviron como testemuño dun período glorioso para a arte das formas animadas na Europa Central, unha época na que o teatro de marionetas chegou a encher os grandes teatros das capitais. Outro expoñente desa etapa de apoxeo, previa ao posterior declive coincidindo co advento da sociedade de masas, constituíuno o Teatro dei Piccoli, dirixido por Vitorio Podrecca, e que acadou unha gran popularidade en Europa e América durante a primeira metade do século XX. Sobre este asunto xirou a mesa redonda, moderada por Montse Dopico, na que participaron Xesús Torres, autor dunha investigación sobre as visitas de Podrecca a Galicia, e Adolfo Ayuso, quen situou no período das Vangardas o momento no que obxectos e bonecos pasaron a constituír un elemento de primeira magnitude nas propostas dramatúrxicas. Desde a Asociación Cultural Morreu o Demo púxose sobre a mesa o papel crepuscular de compañías como a de Podrecca, que dialogaron coas novas formas de cultura masiva, como o cinema e a canción lixeira, até acabar sendo suplantadas pola industria cultural. Do mesmo xeito, a familia Silvent acabaría deixando de representar a Barriga Verde cando as atraccións mecánicas pasaron a monopolizar os espazos das festas.
Presenza do CDG e apoios institucionais
O IX Titiriberia quixo reivindicar, un ano máis, a natureza popular e subalterna dos monicreques tradicionais, dignificando aquelas artistas que percorrían as vilas e aldeas nos seus carromatos, despois furgonetas, tal e como fixeron Teatro ó Cubo con De Vilatriste a Vilalegre, coprodución do CDG que fixo unha parada na praia de Tanxil para o deleite de veraneantes e amantes das formas populares. Non faltaron as distintas versións do Barriga Verde, que volveron visitar as praias e parroquias rianxeiras, a presenza do curmán Dom Roberto, desta volta o de Rui Sousa, e os granadinos Títeres desde Abajo, firmes defensores da potencia transformadora dos teatriños e as cachaporras.
Unha novena edición intensa e extensa, na que a Asociación Morreu o Demo ratificou a súa fidelidade coas formas tradicionais e o diálogo coas novas propostas. Un ano máis, os apoios da Deputación da Coruña, a Agadic e o Concello de Rianxo foron imprescindibles para facela posible. A piques de cumprir a súa primeira década, o Titiriberia xa é unha cita consolidada no calendario dos festivais de monicreques na Península.