in ,

Teatro de Ningures estrea en Cangas ‘As gardiás’

Cristina Domínguez dirixe esta montaxe a partir do texto de Násser Djemaï

As gardiás Foto de Diego Seixo
'As gardiás', de Teatro de Ningures. Foto de Diego Seixo.
A compañía canguesa Teatro de Ningures volve aos escenarios con As gardiás. Tras Unhas poucas picadelas, producido no 2016, estrea esta nova montaxe, que dirixe Cristina Domínguez a partir do texto de Násser Djemaï, mañá, sábado 9 de novembro, ás 20.00 horas, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, en Cangas. Trátase da primeira posta en escena que se fai no Estado dun texto do autor, actor e director francés de orixe alxeriana Násser Djemaï.

A peza

“O humilde piso de Rosa, nun vello edificio no corazón dun barrio popular, é o refuxio acolledor dunha tribo de catro mulleres maiores organizadas. Rosa (que se atopa nunha cadeira de rodas) e as súas compañeiras, Ana, Marga e Susana, son operarias xubiladas da industria téxtil, e están decididas a preservar a súa independencia. Cando a filla de Rosa, Vitoria, propón trasladala a unha institución médica e vender o apartamento, comeza unha loita entre dúas visións do ben envellecer. Enfrontadas ás decisións de Vitoria, as vellas mulleres defenden o seu dereito a vivir xuntas e en liberdade. (…) A peza reflexiona sobre os coidados e a vellez, contrastando o mundo das residencias co calor humano da comunidade. O autor narra con sensibilidade a resistencia destas “gardiás” contra a inclemente modernidade. A peza explora o desexo de vivir e a solidariedade comunitaria, interpelándonos sobre como, onde e con quen queremos envellecer”.

Ficha artística

Autoría: Násser Djemaï
Dirección: Cristina Domínguez
Reparto:
Susana: Casilda Alfaro
Ana: Rebeca Montero
Margot: Sonia Rúa
Rosa: Amparo Martínez
Vitoria: Melania Cruz
Tradución: Henrique Harguindey
Adaptación: Vanesa Sotelo
Deseño Escenografía e Vestiario: Carlos Alonso
Deseño Gráfico, Fotografía, Cartel e Programa: Diego Seixo
Espazo Sonoro: Héctor Pazos
Deseño Iluminación: Héctor Pazos/Salvador del Río
Dirección de produción: Salvador del Río
Produce: Teatro de Ningures
Axuda á creación: Xunta de Galicia a través da Agadic

A compañía

Despois de trinta e oito anos de teatro profesional, Teatro de  Ningures, fundada en 1986, reúne unha serie de recursos técnicos, humanos e materiais que fan desta empresa unha das máis estables de Galicia e preséntase como “un punto de encontro indispensable para os profesionais e creadores desta zona, así como unha referencia no panorama teatral galego”. Conta cun elenco estable formado polas catro socias fundadoras da empresa (Casilda Alfaro, Sonia Rúa, Pepa Barreiro e Salvador do Río), ademais dun amplo número de actores e actrices que dunha forma ininterrompida estiveron traballando nos últimos anos en varias das súas producións teatrais.
Ao longo de toda esta traxectoria levaron á escena 32 obras de teatro de autores tanto clásicos como contemporáneos, estando presentes nas redes e  circuítos de distribución tanto de Galicia como estatais.
Desde 2017 fan cada ano a produción do macroespectáculo Defensa da Vila. María Soliña, recreación histórica do ataque sufrido pola Vila de Cangas por parte de piratas berberiscos que desencadeou a traxedia de María Soliña, onde interveñen ademais de actores e actrices, bailaríns e músicos profesionais máis de 100 persoas relacionadas coas asociacións culturais da zona.
“O noso obxectivo principal é a posta en escena de autores tanto clásicos como contemporáneos, tratando de tocar temáticas de actualidade e ser un espazo aberto de debate e reflexión dos problemas que afectan tanto aos individuos como á sociedade na que vivimos”, sinalan.

O autor

Nasser Djemaï, graduado da École Nationale de la Comédie de Saint-Étienne e da Birmingham School of Speech and Drama en Gran Bretaña, comezou a traballar con René Loyon, Daniel Benoin e Robert Cantarell, e  Continuou a súa formación actoral con Philippe Adrien, Alain Françon, Joël Jouanneau, Georges Lavaudant antes de interpretar e dirixir os seus propios textos.

Desde o 1 de xaneiro de 2021, Nasser Djemaï é director do Théâtre des Quartiers d’Ivry – CDN du Val-de -Marne.  Les Gardiennes, a súa sétima creación, viu a luz no TQI o 9 de novembro de 2022.


Publicidade

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Titiriberia Cova das Letras Manuel Silva

De feiras e mareantes

mesura raquel ferradás

A convocatoria Da man acepta propostas para a súa segunda edición