in ,

A convocatoria Da man acepta propostas para a súa segunda edición

É un proxecto de AMARELO e Manu Lago, co patrocinio do Centro Coreográfico Galego, dirixida a artistas emerxentes en danza

mesura raquel ferradás
'Mesura', de Raquel Ferradás. Foto de Javier Costela Vázquez.
As persoas seleccionadas na segunda convocatoria de artistas emerxentes en danza Da man, convocada por AMARELO e Manu Lago, co patrocinio da Agadic, a través do Centro Coreográfico Galego, serán acompañadas durante un novo proceso de creación durante o ano 2025.
 
Na pasada convocatoria Da Man realizou o acompañamento ao proxecto Mesura, da galega Raquel Ferradás, que se puido ver en 9 festivais de Galicia e Aragón, e ao proxecto Todo esto para nada, do colectivo madrileño A ras de suelo, que se estreará en 2025.
 
Da Man é un proxecto colaborativo de AMARELO e Manu Lago co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais a través do Centro Coreográfico Galego para o acompañamento de artistas emerxentes en danza seleccionadas mediante convocatoria, cos obxectivos de impulsar novas artistas en danza, promover a creación e dinamizar o mercado con novas linguaxes.
 
As artistas son acompañadas durante o proceso de creación dunha peza ou do proxecto de compañía a través de titorías de contido administrativo, loxístico, artístico, financeiro e de calquera outra temática que o proceso en concreto requira. Durante este acompañamento trasládanselles os coñecementos e informacións necesarias para realizar unha produción profesional, busca de residencias e recursos económicos, venda e distribución do espectáculo, redes e circuítos, contactos, etc.

Bases da convocatoria

Que busca?

Un proxecto de danza de artista/s emerxente/s galega/s ou residentes en Galicia. “Artistas que, sen importar a súa idade, xénero, nin datos biométricos, non teñan creados máis de 3 espectáculos integrados en circuítos/programacións profesionais e queiran iniciar o proceso de creación dunha nova peza de danza, impulsar a súa compañía ou outro tipo de proxecto arredor da danza”.

Que ofrece?

1- Un acompañamento 360º: Acompañamento en todo o proceso de xestión de compañía, de produción e creación, plan de distribución e calquera outra etapa que contemplen os plans das creadoras.
2- A inclusión da peza no catálogo de AMARELO, no caso dunha nova produción.

Que pide?

3 documentos en pdf:
1- Carta de motivación. Máximo 1 páxina.
2- Proxecto no que se mostren as claves da nova creación ou do proxecto (tipoloxía, formato, equipo, calendario previsto, e todos os datos que se consideren relevantes).  Máximo 3 páxinas
3- CV con ligazóns a traballos anteriores (se os hai). Máximo 2 páxinas.

Presentación

Prazo de recepción de solicitudes: Ata o 11 de novembro de 2024. Hai que enviar a documentación ao enderezo de correo electrónico [email protected] co asunto “Da Man”.
O día 25 de novembro de 2024 publicarase a resolución en redes e web. 
 
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

As gardiás Foto de Diego Seixo

Teatro de Ningures estrea en Cangas ‘As gardiás’

Foto: Álex Sobrino.

O teatro e as expectativas: un matrimonio por poderes