in

Celébrase a 17ª edición de Culturgal

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle 200 actividades e 500 artistas nesta 17ª edición de Culturgal

Inauguración da 17ª edición de Culturgal. Foto: Xunta de Galicia.
Inauguración da 17ª edición de Culturgal. Foto: Xunta de Galicia.

Centos de profesionais das industrias culturais galegas e público xeral danse cita ata este domingo en Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que abriu as portas da súa 17ª edición no Pazo da Cultura de Pontevedra.

O Pazo da Cultura pontevedrés acolle 200 actividades nesta 17ª edición da feira, que conta tamén cun centenar de expositores e a participación de 500 artistas.

+ Escénicas, impulsada pola Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aposta pola danza e o teatro na décimo sétima edición da Culturgal, a Feira das Culturas Galegas que reunirá o sector cultural cos seus públicos esta fin de semana, entre o 29 de novembro e o 1 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra. A presenza da institución provincial este ano céntrase no novidoso circuíto “+Escénicas”, unha vella reivindicación do sector cultural da provincia que está a permitir que se programen un cento de funcións de artes escénicas nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia ata marzo de 2025, e que se enmarcan nun catálogo con ata 300 propostas dispoñibles para enriquecer a súa programación cultural.


Publicidade

Así, a Deputación non só divulgará entre o sector profesional e o público asistente as características do circuíto “+Escénicas” e o calendario previsto de actividades, senón que tamén programará durante a feira accións de danza e teatro, as dúas disciplinas artísticas que están incluídas no circuíto. Deste xeito o sábado 30 de novembro ás 20:00 horas levará ata o Espazo Arte “De mar e danza”, con tres pezas curtas co mar como protagonista interpretadas por tres creadoras emerxentes de Galicia: Raquel Ferradás, DeXeito e Marcia Vázquez, a través de Amarelo Distribución Escénica. A primeira, “Mesura”, báilalle á espera en diferentes momentos da vida. A segunda, “77.000”, busca contar a historia do petroleiro Prestige e a acción colectiva posterior a través da danza. Por último, “Onde pousa a humidade” inspírase na Costa da Morte, a costa con máis naufraxios de Europa.

O domingo 1 de decembro ás 17:00 horas no Escenario A terá lugar a función de teatro “A vida, un frenesí”, a cargo de A Farra Xous. Nela, unha tola parella de pallasos conta cunha receita para sobrevivir neste frenesí chamado vida: abrir o corazón e non parar de xogar e rir. O espectáculo cómico de clown, para todos os públicos, trata en clave de humor o paso do tempo, a familia e a actualidade sociopolítica. A obra está protagonizada por Adolfo “Popín” Maguna Strasser e Manuel “Lolo” Castro Lima, pallasos de profesión con máis de 35 anos de experiencia coa compañía Barafunda en escenarios de toda Galicia.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Ceibe' de Fran Sieira Cía. de danza. Estrea no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas. Foto: Aigi Boga.

CEIB3

A bailarina portuguesa Sara Miguelote no Laboratório de Dramaturgia Pós-dramática ou o Heterodoxo na Dança, de Afonso Becerra. Foto: Hugo Calhim Cristóvão. Nuisis Zobop.

Dramaturgia e heterodoxia na dança