in

A Agadic convoca as axudas á creación escénica para 2025

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 17 de xaneiro

cortinateatro |

A Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes á convocatoria de subvencións á creación escénica para o ano 2025. Esta liña anual de apoio ao sector que aglutina teatro, danza, circo e maxia incrementouse nesta edición nun 8,7% respecto a 2024, situándose nos 870.000 euros.

Con este investimento, a Xunta de Galicia ten como obxectivo “contribuír á produción de novos espectáculos galegos, reforzando especialmente a modalidade para proxectos plurianuais de compañías que contan xa cunha traxectoria consolidada“. Esta categoría dispón de 300.000 euros, 100.000 euros máis cá de 2024, “para potenciar o traballo a medio prazo e a continuidade dos equipos e proxectos de empresas escénicas cunha traxectoria de cando menos 10 anos e unha solidez acreditada”. Poderán subvencionarse ata tres proxectos para o trienio 2025-2027, un máis que na convocatoria anterior, cun máximo de 100.000 euros cada un e un límite do 80 % sobre o orzamento subvencionable.

Outros 400.000 euros destínanse a novas producións de teatro, circo e maxia, que poderán acadar axudas de ata un 75 % do seu orzamento, cun límite de 60.000 euros por espectáculo. Pola súa banda, as propostas de danza e artes do movemento contarán con 100.000 euros, tamén cun límite do 75 % do orzamento e 37.500 euros por proxecto. Para as empresas de nova creación, a convocatoria reserva unha partida de 70.000 euros cun máximo de 20.000 euros por adxudicación e ata un apoio máximo do 90 % sobre o orzamento presentado.

Consulta aquí as bases da convocatoria publicadas no DOG.


Publicidade

Prazos

O prazo de solicitude destas axudas na sede electrónica da Xunta de Galicia está aberto ata o vindeiro 17 de xaneiro. Para a súa concesión, en réxime de concorrencia competitiva, teranse en conta “criterios técnicos e artísticos, relacionados tanto coa traxectoria, solvencia económica e capacidade de emprego, produción e distribución da empresa como coas características concretas do proxecto presentado”.

A través delas, en 2024 adxudicáronse os 800.000 euros convocados a 29 compañías escénicas galegas para a creación e produción de novas montaxes que integran xa a oferta cultural de Galicia. Xestionada pola Agadic, a convocatoria para creación escénica é a principal das liñas de subvencións da Xunta ao sector galego das artes escénicas, que en 2025 tamén contará, entre outras, con convocatorias específicas para a programación das salas privadas, a organización de festivais, a distribución de espectáculos e a contratación de compañías galegas mediante o programa Cultura no Camiño.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ana Vallés. Foto: Matarile.

Ana Vallés recibe a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes do Goberno do Estado