Os Premios de Teatro María Casares rexistraron este ano a maior participación da súa historia, ao inscribirse 48 espectáculos e preto de 400 profesionais na súa 29ª edición, cuxa gala de entrega se celebrará o xoves 3 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A cifra mellora a rexistrada na edición anterior, cando foron 47 os espectáculos e máis de 350 profesionais os concorrentes. Este novo récord nas inscricións acádase no terceiro ano en que os galardóns incrementaron os seus apartados, xa que no 2023 as bases foron modificadas para ampliar o certame ao crear dúas novas categorías: dirección de movemento e espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que organiza os galardóns dende a súa posta en marcha en 1997 coa colaboración tradicional de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación Aisge, a Fundación SGAE ou Gadis, abriu onte, martes, a primeira quenda de votacións, da cal sairá a relación de finalistas que optarán aos 16 galardóns nos que se dividen os María Casares: espectáculo, espectáculo infantil, espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, texto orixinal, adaptación-tradución, espazo sonoro, espazo escénico, iluminación, maquillaxe e vestiario.
Preto de 500 persoas pertencentes ao sector escénico están chamadas a emitir o seus votos de forma telemática a través da web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) até o vindeiro luns 17 de febreiro nesta primeira rolda de votacións. Este censo de votantes está conformado polo corpo asociativo da propia AAAG, por gañadoras e finalistas de edicións anteriores, responsables de programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, xornalistas culturais e outros perfís vencellados á escena galega, segundo deu a coñecer a AAAG. A relación de finalistas darase a coñecer na primeira semana de marzo.
Espectáculos inscritos nos XXIX Premios de Teatro María Casares
Espectáculo e compañía |
|
1 | A Cheminea do Apalpador, Jorge Rey Títeres |
2 | A Cuba!, Títeres Alakrán |
3 | A Utópica Rodante ‘De Vilatristre a Vilalegre’, Teatro ó cubo e CDG |
4 | A vendedora de fume, A Cova das Letras |
5 | A vida, un frenesí, Barafunda |
6 | Almar, Coiracho Producións |
7 | Apaga o candil, Contraproducións |
8 | As formas do amor, Verdeveras Expresións Artísticas e CDG |
9 | As gardiás ou o nó do tecelán, Teatro de Ningures |
10 | Boa sorte, mala fama, Tarabela Creativa |
11 | Bulebule, Os Náufragos Teatro |
12 | Cancións amarelas, flores tristes, Manekineko |
13 | Circo de Pinocho, Educateatro Producións |
14 | Cortello de Amor, Amorodio teatro |
15 | Desexo,Talía Teatro |
16 | Eu, Fraude!, Paula Pier |
17 | Gaia Baba, a meiga, Nauta Teatro |
18 | Go Home, Etiqueta Negra Producións |
19 | Hexagonum, Troula |
20 | Historias para unha man, Spaguetti Títeres |
21 | Iribarne, ButacaZero |
22 | María Visitación Consolación Amadora, Loia Producións |
23 | Maruxiña, Aurora Artes Escénicas |
24 | Moby Dick, Pedras de Cartón |
25 | Monstros, Producións Teatráis Excéntricas |
26 | Nada se sabe, Culturactiva Producións e CDG |
27 | Neura, unha comedia neurótico festiva, De Ste Xeito |
28 | Non pasarán, Ártika Cía |
29 | Noso, Os Náufragos Teatro |
30 | O Dragón de Ouro, Sarabela Teatro |
31 | O mundo está roto pero pódese camiñar, Contraproducións |
32 | O Rexurdimento do Divino Sainete, LaGriot’te |
33 | Os actos e as profecías, Centro Dramático Galego |
34 | Os contos do Lobicán, Redrum Teatro |
35 | Pálido Punto Azul, Javier Otero Neira |
36 | Penélope: destecendo o vínculo, Constance Hurlé |
37 | Pum! Pum! Quen hai?, Ártika Cía. |
38 | Rato Pérez, A Xanela do Maxín |
39 | Rogelio III (La fête), Assircópatas |
40 | Romeo e Xulieta. O espectáculo definitivo, Mutismoa Teatro |
41 | Run Baby Run, Meninas Teatro |
42 | Sobre o extravío ou a arte de perderse, Furia Sotelo |
43 | Somos criminais e punto final, Ainé Producións e Condetrespés |
44 | Territórios de liberdade, Tanxarina, Companhia Certa e CDG |
45 | Testosterona, Malasombra |
46 | Tolóptica, Código Azul |
47 | Un gran plan, Olga Abad |
48 | Vía Morta, Culturactiva Producións |