in

As Residencias Paraíso aceptan propostas para a súa novena edición

Residencias Paraiso 2024 RPM Desgarradura MIT
'Desgarradura', na MIT de Ribadavia, dentro das Residencias Paraiso 2024. Foto de Rosiña Rojo | MIT de Ribadavia.

O Colectivo RPM lanza por noveno ano consecutivo unha nova convocatoria das Residencias Paraíso, o seu programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no territorio. O proxecto, impulsado por RPM, entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (dende o Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

O programa Residencias Paraíso 2025 diríxese “a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas”. Residencias Paraíso vai na procura de “artistas de danza e artes vivas, preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo”. Valorarase “a integridade artística da proposta e o grao de madurez e solidez do proxecto, ademais da relación entre o proxecto e o territorio”. Residencias Paraíso contará cunha comisión de valoración composta por tres profesionais convidadas e dúas persoas do Colectivo RPM, para anunciar a finais de marzo os proxectos seleccionados. As persoas e colectivos interesados poderán presentar a súa proposta ata o vindeiro 7 de marzo, a través deste formulario.

Residencias Paraíso 2025 conta cun importe total de 20.000 € e acollerá ata 8 propostas en residencia, cunha dotación económica de entre 1500 e 3000 € (impostos incluídos) cada unha, “para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico”.

As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e novembro de 2025 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, a Casa da Cultura de Vimianzo, a Casa da Cultura de Corcubión e Pazo da Cultura de Narón. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro de 2025 na Illa de San Simón, en Redondela.


Publicidade

Residencias Paraíso quere “atender a necesidade da comunidade artística de contar con espazo e tempo dedicados á investigación e creación co obxectivo normalizar o concepto de residencia artística no noso territorio ao tempo que subliña a importancia da investigación arredor da práctica artística”. A maior particularidade do programa de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, dende teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. As tipoloxías dos distintos espazos favorecen a acollida das diversas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, incluso, as residencias de carácter técnico. Este exercicio de diálogo entre as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices) é o que dota dunha identidade singular a este programa.

Sesión informativa

O martes 25 de febreiro, ás 12.00 horas, Colectivo RPM realizará unha sesión informativa en liña en aberto, para resolver dúbidas ou cuestións específicas sobre a convocatoria. As persoas interesadas poden sumarse a través desta ligazón.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Improconas Foto de Moito Morro Teatro

Un xeito diferente de facer teatro

Guidance Silvia Gribaudi, 2025, ©Paulo Pacheco

A “outralidade” dos corpos em dança no 14º GUIdance de Guimarães