in

Isabel Risco estrea un novo espectáculo protagonizado por Nabiza Girl

Esta tarde, na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada

Equipo Nabiza Girl
Alberte Bello, Isabel Risco e Fran Rei forman parte do equipo do novo espectáculo protagonizado por 'Nabiza Girl'.

Isabel Risco volve enfundarse neste 2025 na pel da súa personaxe Nabiza Girl no espectáculo As aventuras de Nabiza Girl. O estraño caso da cultura minguante, que estrea hoxe, domingo 23 de febreiro, ás 19.00 horas na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada. Este Concello acolleu a residencia artística durante a que se desenvolveron os ensaios da montaxe, unha produción conxunta entre Isabel Risco e a produtora La Yogurtera. A distribución corre a cargo de Culturactiva. A xirará continuará o 14 de marzo no Centro Ágora da Coruña, en Barbadás o 28 de Marzo e  en Muros o 5 de abril.

Con esta nova montaxe escénica, a actriz, clown e autora Isabel Risco recupera para a escena a súa personaxe Nabiza Girl. Esta foi medrando ao longo dos anos e espallando a súa pegada por diferentes disciplinas artísticas. No ano 2023, Risco en colaboración co guionista Carlos Ares e co debuxante Manel Cráneo, xunto á produtora Marta Horjales á fronte da coordinación, lanzou a banda deseñada As aventuras de Nabiza Girl. Operación Breogán (Demo Editorial, 2023). Xa no 2024, o mesmo equipo empurrou a Nabiza Girl para que saltase ao audiovisual con Así falamos, así sentimos, unha serie web en stop-motion creada pola produtora coruñesa Algarabía Animación para a súa difusión en redes sociais co obxectivo de reforzar a identidade galega entre a mocidade cun ton natural e desenfadado.

A peza

Agora, en 2025, Nabiza Girl regresa ao seu espazo orixinal, os escenarios, para enfrontarse desta vez a un novo e grave reto: o esmorecer da cultura galega. A loita para reverter esta situación, que inclúe entre outros perigos a mingua de falantes que reflicten as estatísticas, será o leitmotiv deste novo espectáculo escénico que Risco escribiu xunto a Carlos Ares e a Fran Rei, quen se encarga tamén da dirección da obra. Nesta aventura, a superheroína non estará soa, xa que conta coa compaña de Don Galizo, un leal escudeiro interpretado por Alberte Bello que porá todo tipo de atrancos cómicos.


Publicidade

O equipo da montaxe complétase coa coreógrafa Estefanía Gómez, quen se encarga do movemento escénico; Suso Montero, quen, xunto á propia Risco deseñou a escenografía; Javier A. Ayude, responsable da iluminación, e Marta Horjales como coordinadora.

Nabiza Girl
Isabel Risco caracterizada como Nabiza Girl. Foto de Carlos Babío.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Sol Fuerza reducida 1

aAntena estrea ‘Sol Fuerza’ en Vimianzo

Daniel Rodríguez. Foto: Coral Alonso Martínez.

Que move a danza ‘Transeúnte’