in , ,

A AAAG concédelle a Xabier Deive o Premio de Honra Marisa Soto

A título póstumo, “como unha celebración plena e agarimosa da súa figura”

Xabier Deive
Xabier Deive

A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de dar a coñecer que lle concede ao actor Xabier Deive, a título póstumo, o Premio de Honra Marisa Soto, galardón co que distinguen cada ano o labor de persoas e institucións a prol do sector escénico galego. Deste xeito, Deive únese a unha longa lista de homenaxeadas con este trofeo que inclúe, entre outros nomes, a Ana Romaní, Pilar Pereira, Gonzalo Uriarte, Rosa Álvarez, a Sala Nasa, Flor Maceiras, Cloti Vaello ou María Barcala, actriz que recibiu o Marisa Soto o ano pasado. É a terceira vez que se concede este galardón a título póstumo, tras as distincións outorgadas en 2015 a Xosé Manuel Olveira, Pico, e en 2022, a Lino Braxe.

A Xunta Directiva da AAAG decidiu distinguir así a traxectoria de Xabier Deive e poñer en valor unha vez máis “a súa calidade humana, o seu talento artístico e o seu compromiso coa profesión”. Con este galardón, quere manifestar “o cariño que sentiu e continúa a sentir polo intérprete falecido en xullo do ano pasado”. A AAAG, sinalan, “non concibe a concesión deste galardón como unha despedida nin como un epílogo, senón como unha celebración plena e agarimosa da figura de Xabier Deive. Un festexo colectivo da persoa, do intérprete e do compañeiro”.

Traxectoria

Xabier Deive (Narón, 1970-Santiago de Compostela 2024) exerceu ao longo da súa dilatada traxectoria as profesións de técnico, actor de cine, teatro e televisión. Destacan nela títulos como Jalisco (Jorge Valcárcel e Fran Piñeiro, 2001); La mujer del anarquista (Marie Noelle e Peter Sehr, 2006), El menor de los males (Antonio Hernández, 2007), A cicatriz branca (Margarita Ledo, 2012), Las altas presiones (Ángel Santos, 2014) ou Fatum (Juan Galiñanes, 2023).  Deive fíxose tamén un rostro  familiar para o público galego ao formar parte dos elencos de producións audiovisuais como Rías Baixas, As Leis de Celavella, A vida por diante, Os Atlánticos, Matalobos ou Serramoura. Tamén contou con roles episódicos en series como Águila RojaPiratas ou El Ministerio del tiempo. Nos últimos anos, traballou en producións audiovisuais como Libertad (Enrique Urbizu, 2021), Néboa (2020), Vivir sin permiso (2018) ou El final del camino (2017). As súas últimas incursións no cine viñeron da man de Sonia Méndez en As neves e de Simón Casal, quen o dirixiu en Justicia Artificial.


Publicidade

No ámbito escénico, participou en diferentes montaxes. Entre elas, atópanse Os carros do camiño (Ollomoltravía, 1998), O retrato de Dorian Grai (Uvegá Teatro, 2000), Poca vita (Teatro Maltés), Final de película (Ancora Producións, 2004), Edipo (Nove Dous, 2006), Estigma (Centro Dramático Galego, 2008), Gaivotas subterráneas (Talía Teatro-Voz Audiovisual, 2013) ou Sede de mal (Culturactiva, 2015).

Xabier Deive foi membro da AAAG dende o 1999, integrante da súa Xunta Directiva entre 2002 e 2006 e o seu presidente entre 2019 e 2021.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aurora Boreal, de Paula Quintas. Imaxe de Alberte Peiteavel

Aurora Boreal

Imaxe: Cidade da Cultura.

Preséntase o programa do festival Escenas do Cambio 2025