O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Rodeira (Cangas), coa colaboración do Fondo Teatral María Casares da Biblioteca Municipal de Cangas, organiza unha exposición simultánea sobre a traxectoria artística de Dorotea Bárcena co gallo do Día Mundial do Teatro. Esta mostra desenvólvese en tres espazos diferentes: o instituto, a Biblioteca Municipal e o Auditorio, feito que dá conta da inmensa carreira artística que levou a cabo Dorotea.
Neste senso, na exposición que se ofrece no instituto pódese observar a súa faceta como muller total do teatro de tal forma que se recolle o seu labor como empresaria, dramaturga, directora de escena e actriz. Pola súa parte, na Biblioteca Municipal Central atópase unha mostra que recolle a herdanza de Dorotea Bárcena e o seu impacto nas dramaturgas contemporáneas. Ademais, o grupo de teatro do instituto vai ofrecer unha lectura dramatizada dunha das súas obras máis célebres, Mullieribus (publicado no número 10 da erregueté) que terá lugar mañá, venres, 28 de marzo, ás 17:00 horas. Finalmente, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas pódese gozar tamén da mostra Os vieiros de Dorotea. Sempre vogando, que reflicte a súa traxectoria como actriz en teatro, cine e televisión e que está aberta ao público ata o 5 de abril no horario habitual destas instalacións.
Agradecementos
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do IES de Rodeira agradece “a colaboración de todas as institucións que se involucraron nesta mostra e tamén a implicación de Antón Lamapereira e do Fondo Teatral María Casares así como a xenerosidade de Xulio Lago ao ceder moitas das fotografías que se poden ver”. Así mesmo, quere deixar constancia “do gran traballo de Inma López Silva, que serviu de base para realizar esta exposición”.