in

DEBUT

A consagración da Primavera

DEBUT, de Rosa Romero. Imaxe de Álex Sobrino.
DEBUT, de Rosa Romero. Imaxe de Álex Sobrino.

Rosa Romero, actriz e creadora gaditana que vén de recibir os premios a mellor intérprete e mellor espectáculo revelación de 2023 da Asociación Andaluza de Profesionales de la Danza por Soy un baile, chega de novo a Galiza con DEBUT, peza que amosara xa en proceso de creación na tristemente desaparecida sala Ingrávida do Porriño, e que foi tamén seleccionada para unha residencia en La Caldera, de Barcelona, e estreada o ano seguinte.

Chega á sala Ensalle e enche esa sala coa súa presenza escénica irresistible, nun traballo que a mesma artista define como “un acto de iniciación” en fronte do público, vertebrado cos mesmos vimbios que artellan o traballo de Romero: unha creación persoal, que pon a atención no corpo, que recupera o baile herdado e establece unha comunicación “bruta” coes espectadores.

E acaso, dentro das moitas virtudes que ten este espectáculo, esta última sexa a máis salientábel así, de primeiras.

Agora que está tan de moda o “brutalismo” como corrente estética, Rosa Romero propón un acto comunicativo que se achega á pureza animal ou, acaso, instintiva, onde o público entende que é tan importante dar como recibir, e que a artista está aí, enriba do escenario para ser unha canle aberta de recepción e de emisión, pasando o que entrega á escena polo seu corpo.

Penso que aí reside o segredo da potente presenza escénica de Romero: en non perder nin un intre a conciencia do seu corpo e do que a este lle pasa enriba do escenario e en comunicación con estes estrañes que están sentados nas súas butacas. Está viva todo o tempo e fai o que sente que ten que facer (mesmo que ese feito estea coreografado previamente), e non fai por facer.

A proposta de Romero é entón un camiño de inicio cara ao descoñecido, que abre en plena confrontación co público a través do convite directo a que este lle “dea” algo. Un acto de entrega mutua, entón, que ela converte en danza e en movemento, e que deriva nun delirio de fantasía onde a artista nos amosa acaso as súas máis sanguinarias fantasías de destrución persoal e allea.

Mais aínda queda un último agasallo. Como se se tratase dun soño real, Romero comeza os trazos dun cadro que fica —malia a ser pintado practicamente só coa palabra—, que se fai real ante os nosos ollos, aínda que o que teñamos diante non sexa máis que un espazo baleiro.

É así que a artista entra na Primavera de Botticelli como na música de Vivaldi: incorporándoa e facéndoa súa e sentando a desfrutar da sensación no que acaso sexa un convite para todes nós, que ficamos sentades abraiades: efectivamente, pódese habitar a escena e mesmo desfrutar dela.

Iván Fernández
Latest posts by Iván Fernández (see all)

Debut, Rosa Romero

Dirección e interpretación: Rosa Romero

Dramaturxia: Alberto Cortés

Acompañamento / Traballo corporal: Patricia Caballero

Vestiario: Gloria Trenado (Nantú)

Paisaxe sonoro: Pitu García

Iluminación: Carmen Mori

Debut é unha produción de Rosa Romero co apoio de La Caldera, a Junta de Andalucía e a Asociación PAD.

Sala Ensalle de Vigo. 6 de abril de 2025.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, ADE Teatro, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O futuro ao outro lado do espello. Aula de Teatro SEI San Narciso reducida

A MOTESMO chega á súa 27ª edición

Medea unha e todas

A 27ª MITEU inicia a súa programación en Vigo