in ,

O CDG e Ítaca Teatro estrearon ‘Profetas’ en Lugo

O Salón Teatro acollerá a semana que vén varias funcións desta montaxe do texto de Ernesto Is

Profetas Ítaca Teatro CDG
'Profetas', de Ernesto Is, na montaxe do CDG e Ítaca Teatro. Fonte: Xunta de Galicia.

O Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo acolleu onte, 24 de abril, a estrea do espectáculo Profetas, a nova coprodución do Centro Dramático Galego e Ítaca Teatro. A función desenvolveuse no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto cultural impulsado e cofinanciado pola Xunta de Galicia con actividade en máis de 40 escenarios do país.

Elea López e Carlos Rebolo, fundadores da compañía luguesa, son os protagonistas de Profetas, un espectáculo dirixido por Carlos Álvarez-Ossorio que leva a escena a peza pola que o dramaturgo Ernesto Is obtivo o XVI Premio Abrente de textos teatrais da MIT de Ribadavia en 2021. Para a súa montaxe contaron tamén coa colaboración da MIT, ademais da do Concello de Lugo e das Deputacións de Lugo e A Coruña.

Sinopse

“A obra presenta a El e a Ela, unha parella que, despois de romper a súa relación, volve atoparse para recordar ao longo dunha noite os vellos tempos. Neste encontro lembran os soños, os medos, os éxitos e os fracasos que compartiron, facendo balance da súa historia en común a través doutras historias do cinema e da literatura. Cuestións como o compromiso político e artístico, o amor e a creación están presentes nunha peza que funciona como un xogo de agochados, de abismos e de saltos entre realidade e ficción”.

A posta en escena

A montaxe mestura diferentes linguaxes escénicas e afonda no carácter híbrido do texto, combinando o traballo da interpretación co vídeo en directo, a utilización de máscaras e mais o movemento.

A xira

Trala súa estrea en Lugo, chegará ao Salón Teatro de Santiago de Compostela a vindeira semana, con funcións para público xeral o sábado 3 de maio ás 20.00 horas e o domingo 4 ás 18.00 horas, así como un pase especial para escolares o luns 5 en horario de mañá. A compañía ten previsto visitar tamén en Sarria, Meira, Quiroga, Burela, Vilalba, Barreiros, Ribadavia, Cedeira e Outes.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Un deus salvaxe Talía Teatro

Galicia Escena Pro abre o prazo de inscrición para asistir á súa 12ª edición

Rosalía, cartografía de ásperas ortigas

O CDG e ASTA-Teatro e Outras Artes presentan en Galicia ‘Rosalía, cartografía de ásperas ortigas’