O Centro Dramático Galego, CDG, e o colectivo portugués ASTA-Teatro e Outras Artes presentan esta fin de semana en Galicia a súa coprodución Rosalía, cartografía de ásperas ortigas. O Salón Teatro, en Santiago de Compostela, acollerá tres funcións entre hoxe e o luns.
Con dirección escénica e dramaturxia do compostelán Roberto Salgueiro, as dúas compañías contan igualmente coa implicación do tamén portugués Cine-Teatro Avenida de Castelo Branco para ofrecer unha proposta teatral actual que reflicte o pensamento e o legado da poeta padronesa. Así, a partir de textos e, sobre todo, versos da escritora tomados de Cantares Gallegos, Follas Novas e En las orillas del Sar, construíron unha obra propia que afonda na transcendencia da autora.
Antía Cortegoso, Sérgio Novo, Alberto Medeiros e Marta Casais conforman o elenco galego-portugués que leva a escena este espectáculo, asentado así mesmo no espazo sonoro creado por varios instrumentos, as coreografías e unha escenografía cuberta de flores.
Despois da súa estrea en Portugal, onde puido verse xa en Castelo Branco, Covilhã e Gouveia, o equipo regresa á sede do Centro Dramático Galego, entidade dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que xa acollera parte dos ensaios en xaneiro, para compartir co público galego o resultado deste traballo.
Con tal motivo e grazas ao apoio do Camões – Centro Cultural Português en Vigo a través dunha nova edición do programa Quintas do Camões, o luns 28 de abril habilitarase un servizo de autobús gratuíto para asistir á función desde Vigo (ida/volta), con paradas en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
Horarios e entradas
Os tres pases de Rosalía, cartografía de ásperas ortigas están programados para hoxe, sábado, e o luns ás 20.,30 horas, e para mañá, domingo, ás 18.00 horas. A venda en liña das entradas está activa, e no despacho de billetes do Salón Teatro poderán adquirise os días de función desde dúas horas antes do comezo.
Con este proxecto, a unidade teatral da Xunta de Galicia quere “seguir impulsando e participando en proxectos compartidos con compañías e profesionais do país veciño, nunha ampla e intensa actividade común da que forman parte nos últimos anos espectáculos como Frágua de amor, Territórios de liberdade, Entrepalav-bras, Na hora dos cans, Ifixenia ou Manuela Rey Is In Da House”.