Ola camaradas.
Hoxe, nesta fase época que chamaremos “só artigos polémicos”, redobre de tambor: Capitalismo!
Ai o teatro!
Que bonito o teatro. Que bonito ir de cañas logo dunha función, que bonito ensaiar e poñer en redes canto nos queremos, que bonitos procesos… Ai os procesos! Un día escribirei sobre por que os procesos son absolutamente irrelevantes para os espectadores. Pero en fin, ó que irmos: Que piruleta de sabores é o teatro… ata que chegan os cartos!
A min os cartos danme igual, non é o meu motor para tomar decisións pero, por moi comunista que sexa, vivo no mundo e sei que para ter unha casa necesito unha hipoteca, que para ter unha hipoteca teño que ter ingresos e que para ter ingresos non podo traballar gratis. Así que si, fago teatro polos cartos. Basicamente iso significa que se o teatro non me dá diñeiro, igual non podo seguir facéndolle o amor. Miña xente, teño 33 anos, así que igual, nalgún momento non moi afastado no tempo, quero ter, por exemplo, unha familia… ou un Porsche Carrera GT do ano 2003.
Cando empezas a profundar neses lugares do teatro que non se aprenden nas escolas descobres que todo vai de cartos e que o teu talento dá igual. Calcular circunstancias, xestionar impostos… e de súpeto: Compañías con cachés a 300€!
Oh! Como se compite con iso, xente? Porque eu por moitas ecuacións de segundo grao que faga, non consigo que os meus prezos baixen das catro cifras.
Igual había que regular o mercado, pensádeo e dicídesme.
E é unha pena. Porque non deixa de ser bastante hipócrita ir todos de rebeldes chachis progresistas e logo presentar en escena a cousa máis conservadora que te poidas imaxinar, por catro duros para ter moitas funcións e puntiños para as axudas.
Pero enténdoo, levamos 46 anos de goberno de ultra dereita, salvo por unha breve elipse preposicional no 2008 e hai que convencer a moitos concellos aínda peores. Supoño que iso condiciona e nos censura porque, como vas berrar, por exemplo, contra Altri e pretender que te programen?
Como?
Sinxelo, non facéndoo. E máis se non es ninguén, ou non tes padriños ou fas un teatro raro deses.
O mellor tería sido que realmente a Historia rematara en 1989. Pero este patético “reboot” histórico obríganos a cousas. E esas cousas teñen moito que ver coa perspectiva histórica, porque o tempo pasa e nuns anos veremos que estabamos facendo, dicindo e escribindo. Nuns anos veremos que palabras estabamos usando para chamar ás cousas. E lembrade que a palabras reducidas, mundo reducido.
Eu seguirei na brecha polo menos un pouco máis. Escribindo artigos para facer amigos, recibindo ameazas e buscando a salvación alá onde non me valoren por chorradas.
Levo pouco no oficio, pero observo e vexo, e non me gusta moito como está todo isto. Non me gusta o panorama, nin as dinámicas de poder, nin as conversacións onde se reparte o pastel da forma menos democrática existente: caendo ben.
Que por que?
É o capital amigos!