in

Rosalía, a pulga que escribía

Tuturutututú, carta

Rosalía, a pulga que escribía Foto de Galitoon
'Rosalía, a pulga que escribía'. Foto de Galitoon.

O pasado 16 de marzo asistín unha vez máis á miña cita co teatro. Desta vez a anfitrioa foi a compañía infantil Galitoon-Galicia, quen presentou o seu espectáculo Rosalía a pulga que escribía.

Produtora galega de teatro, televisión e espectáculos infantís, Galitoon conta cun repertorio de seis pezas infantís, ademais de diversos programas de televisión centrados na infancia. Baixo a premisa de educación e entretemento, os espectáculos de Galitoon buscan ofrecen un tipo de teatro que se centra na manipulación de monicreques.

Rosalía, a pulga que escribía é unha peza de teatro de obxectos. O espectáculo orixinal parte da serie para Clan TV, Tutú, de Ficción Producciones. Trátase dun espectáculo pensado para crianzas a partir dos dous anos de idade. A temática é sinxela, mais seduce o pequeno público facéndoo partícipe dende o minuto un: conta a historia dunha pulga moi pequena, Rosalía, que escribe unha carta todos os días a un destinatario diferente: A Sra. Toupa, a Sra. Ovella, a Xirafa Rafa e Mr. Elefante. O personaxe do Canguro Bruno é o encargado de levarlle a carta a cada unha destas personaxes cunha mensaxe: “Na vindeira lúa chea, festa na casa de Rosalía”.

A dramaturxia (Andrea Bayer) xorde por repetición xa que as accións de Rosalía se repiten con cada un dos personaxes secundarios, variando a reacción dos mesmos. A Sra. Toupa, e a Sra. Ovella por exemplo, non saben ler, a Xirafa Rafa non lembra onde ten os seus lentes e Mr. Elefante só fala en inglés. Este último recurso semella unha forma moi interesante de introducir os máis pequenos da casa na ensinanza de linguas estranxeiras.

Jona García (Rosalía, Sra. Toupa, Sr. Ovella, Xirafa Rafa e Mr. Elefante) e Chisco Casteleiro (Bruno) préstanlle a voz e  encárganse de manipular a cada monicreque e a escenografía correspondente a cada personaxe que executan con destreza e habelencia. Asemade, participan de xeito activo na acción intervindo co personaxe de Bruno e Rosalía.


Publicidade

O vestiario dos dous intérpretes, negro na súa meirande parte, é proposto así para que as múltiples cores tanto do espazo escénico como dos personaxes principais destaquen no público obxectivo. Complementa a peza un espazo sonoro, a cargo de Javier Veiga, que xera ambiente de aventura en determinados puntos.

O conflito xorde porque todos están convidados á casa de Rosalía menos un, Bruno. Case paralelamente prodúcese a resolución do mesmo, cando unha vez máis este acode a casa de Rosalía e se atopa cunha grata sorpresa resultando nun final alegre e entrañábel.

Como espectáculo para crianzas paréceme fermoso para levar a cativada ao teatro. Pensado para nenos a partir dos dous anos, a peza mostra unha estética sumamente cativadora para o seu público, así como tamén unha interpretación que está á altura das esixencias do pequeno público.

Rosalía, a pulga que escribía, da Cía. Galitoon

Dirección: Chisco Casteleiro

Elenco/Manipuladores: Jona García e Chisco Casteleiro

Guión: Andrea Bayer

Deseño de monicreques: Galitoon

Deseño de Escenografía: Begoña Paz

Elaboración de escenografía: Galitoon

Son e Iluminación: Javier Vega

Vigocultura. Auditorio do Concello de Vigo, 16 de marzo de 2025.

Sara Santamaría

Sara Santamaría

Actriz, creadora e filóloga de inglés. Formada en Espazo Aberto (Santiago de Compostela) e en Central de Cine (Madrid) ten experiencia no eido audiovisual en series como Amar es para siempre , Augasquentes; e o spot publicitario de Gadis (2021). No eido teatral participou na obra Antigona de El Desván producciones, e conta cunha peza de creación propia, El valle de la silicona, á vez que está a traballar na dramaturxia do seu próximo proxecto. Na actualidade está a finalizar os seus estudos de interpretación textual na ESAD de Galicia.

"Escribo para expresarme, para comunicar e deixar pegada; así comezo a colaborar coa revista 'erregueté'".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe de Jon Tyson

É o capital, amigos

La violación de Lucrecia, do Teatro Clásico de Sevilla. Imaxe de Luis Castilla.

La violación de Lucrecia