in

A Rede Galega de Teatros e Auditorios inicia a súa nova programación

Ofrecerá ata decembro un total de 219 novas representacións en 40 concellos galegos

Un deus salvaxe Talía Teatro
'Un deus salvaxe', de Talía Teatro, será un dos espectáculos con máis funcións dentro da nova programación da Rede. Foto da compañía.

O circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Xunta e as entidades locais asociadas, Rede Galega de Teatros e Auditorios, ofrecerá de xullo a decembro en 40 concellos galegos un total de 219 novas representacións a cargo de 115 formacións artísticas. Por disciplinas, haberá 181 actuacións de teatro, 14 concertos, 13 funcións de danza, oito de maxia e tres de novo circo. Entre todas elas, 65 están destinadas especificamente a público infantil e familiar.

 A programación deste segundo semestre arrancou en Noia o pasado sábado 19 de xullo co espectáculo de circo A queima da fachada, de Especialistas Hípica Celta. Será ás 22,30 h. na Alameda. Ademais de Noia, Foz e Betanzos son as primeiras localidades en abrir a segunda parte desta extensa e variada carteleira de espectáculos que, nestes meses de verán se dirixe especialmente a todos os públicos. Así, neste mes de xullo en Foz terá lugar o concerto A Banda dos Insectos o martes 22 e a obra Monstros no camiño de Ghazafelhos o martes 29. En Betanzos a cita será o xoves 24 coa actuación musical Cantares e contares de Tres Pesos.

A actividade da Rede continuará en Foz os martes de agosto cos espectáculos Hoxe toca… maxia de Magia en la Manga (día 5), Cantaxoga de Migallas Teatro (día 12), A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz de Teatro del Andamio (día 19) e Charlatán Rodríguez de Rendos Pequeño (día 26). En agosto tamén haberá concertos, en Redondela o día 2 actuarán The Teta’s Van e en Vilagarcía de Arousa Cristian Silva o domingo 17. Finalmente, o sábado 23 poderá verse en Cee O Dragón de Ouro de Sarabela Teatro.

Estas actividades do calendario estival combínanse con outros circuítos promovidos pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude como Cultura no Camiño ou Danza 3, e forman parte da campaña Para gustos, cultura,  coa que a Xunta de Galicia distribúe durante todo o verán máis de 3400 citas de todos os ámbitos artísticos en máis de 200 concellos das catro provincias.

Novidades escénicas e variedade de propostas

A Rede Galega de Teatros e Auditorios tamén acollerá neste segundo semestre varias estreas. En Ourense, Sarabela Teatro presentará A Metamorfose o 5 de setembro e Redrum Teatro Nas nubes o 15 de novembro. Galeatro e Xarope Tulú estrearán o espectáculo infantil Berenguela na gaiola o 27 de setembro no FIOT de Carballo, en tanto que Teatro do Noroeste inaugurará Manual de patronaxe o 12 de decembro en Narón.

Entre os espectáculos con más actividade na programación teatral da Rede destacan Un deus salvaxe, de Talía Teatro, e Esas cousas marabillosas, de Empatía Teatro, con seis funcións cada unha; Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, con cinco pases; Guerra, de Teatro do Noroeste, con cinco representacións, e Go Home, de Etiqueta Negra Producciones, e As gardiás, de Teatro de Ningures, con cadanseus catro pases. Ademais, Contraproducións estrea en Galicia o 25 de outubro, no marco do FIOT de Carballo, o espectáculo Yo solo quiero irme a Francia, cun elenco formado por María Galiana, Nieves de Medina, Ledicia Sola e Alicia Armenteros.

En canto a espectáculos teatrais dirixidos a público infantil e familiar, figuran cinco pases de Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro; Bulebule, de Os Náufragos Teatro con catro funcións, ou a compañía Ghazafelhos con Ándale! Bon appétit! e Monstros no camiño, con dous pases cada un.

No apartado de danza, están programadas tres funcións de Coa cabeza nas nubes, un espectáculo de Cía. SÖA que tamén mestura clown e teatro físico. Esta proposta, especialmente dirixido para público infantil, poderá verse o 1 de novembro en Muros, o 2 en Lugo e o 7 en Cedeira. Tamén ofrecerá tres funcións Nova Galega de Danza, que estará con Dique, en coprodución co Centro Coreográfico Galego, o 11 de setembro en Ourense e o 31 de outubro en Lugo, e con Credo, o 18 de outubro na Coruña.

560 funcións en todo o ano

Durante este 2025, a Rede Galega de Teatros e Auditorios conta cun orzamento de máis de 2M € e, ao remate do ano, pechará unha programación anual que contou cun total de 560 funcións de artes escénicas e musicais de 198 formacións en 43 concellos das catro provincias galegas.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, dispón para este ano un orzamento de preto de 1 M€ destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Afonso Becerra.

Entre o National Theatre e The Old Vic

A festa dos Títeres, do festival Titiriberia

O Titiriberia celebrará a súa décima edición entre o 12 e o 17 de agosto