in

A proposta de ocio familiar Cidade Imaxinaria volve ao Gaiás

Hoxe pola tarde, entre as 17.00 e as 22.00 horas

Cidade Imaxinaria
Imaxe dunha edición anterior de Cidade Imaxinaria, na Cidade da Cultura. Fonte: Xunta de Galicia.

Volve a proposta de ocio familiar Cidade Imaxinaria, organizada pola Xunta de Galicia co apoio da Deputación da Coruña. A Cidade da Cultura acolle hoxe, sábado 6 de setembro unha nova edición, que contará coa participación de máis de medio centenar de artistas e 14 compañías galegas, estatais e internacionais, moitas delas recoñecidas en festivais ao redor do mundo. A cita desenvolverase dende as 17.00 ata as 22.00 horas, con entrada libre e de balde.

Un caracol xigante, músicos extraterrestres, seres que se iluminan no solpor ou unha furgoneta convertida en pista de acrobacias son algunhas das propostas que aterrarán no Gaiás esta tarde. A convocatoria aglutina tres espectáculos de pista que recibiron recoñecementos en distintos países. Time to loop, de Dúo Kaos, é un xogo de equilibrios que se exhibiu en lugares como México, Dinamarca ou Costa Rica. A maxia de Gota, de Txema Muñoz, foi distinguida na Mostra de Igualada e en Umore Azoka Leioa. As acrobacias de Tartana, de Trocos Lucos, recibiron o Premio Festival Teatro de Murcia ou do Festival Saltimbaqui de Utrera, entre outros.

Ademais dos espectáculos de pista, as rúas do Gaiás acollerán ao longo da tarde comparsas para sorprender a todas as persoas que se adentren en Cidade Imaxinaria. Este ano, como novidade, haberá un espectáculo ao caer a noite “con seres fantásticos que se iluminan e transforman o cotián en momentos cheos de humor, tenrura e encanto visual”, segundo avanzan dende a organización.

A cativada tamén poderá gozar de diferentes xogos e actividades participativas como crear un mural colaborativo antipolución con pinturas fotocatalíticas que depuran o aire; redescubrir xogos tradicionais como tiracoios, zancos ou aros, ou indagar nas súas habilidades circenses da man dunha escoliña de circo.

Consulta aquí o programa completo con todas as actividades de Cidade Imaxinaria. 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Paula Quintas representou un anaco do seu Multiperspectivas#3

Camiño Escena Norte presenta a súa sétima edición

A metamorfose, de Sarabela Teatro

Sarabela Teatro estrea ‘A metamorfose’