in ,

O Culturgal fai un avance da súa programación

Para a 18ª edición, que se desenvolverá do 28 ao 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra

Presentación Culturgal 2025
Acto de presentación do Culturgal 2025. Fonte: Xunta de Galicia.

A organización de Culturgal vén de avanzar os pratos fortes da súa 18ª edición, que se desenvolverá do 28 ao 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra e para a que volve contar coa implicación da Xunta de Galicia como principal entidade financeira. A Feira das Culturas Galegas bate este ano o seu récord de actividade, coa participación de arredor de 750 artistas e outros profesionais do sector nas 225 citas programadas entre espectáculos, proxeccións, adiantos de proxectos, obradoiros e mesas redondas, así como máis de 100 expositores editoriais, de artesanía e de xoguetes, e postos institucionais.

Música

A música terá un protagonismo especial no Culturgal e unha das novidades deste ano será o concerto de benvida do xoves 27 ás 21:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, con Uxía Senlle presentando con varias artistas convidadas o seu último traballo, ‘Será por Flores’.

O venres, tamén ás 21:00 horas, voces femininas da canción galega encherán de novo o escenario do auditorio coas actuacións de Faia Díaz, A Pedreira e Felisa Segade. O domingo 30 de novembro, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá ás 20:30 horas o concerto de peche do Culturgal con Óscar Ibañez.

Outra novidade musical será o regreso de Magín Blanco á música adulta. Dará un concerto o sábado ás 20:00 horas no escenario principal do recinto ferial e presentará o libro ‘Percorrido’.

Artes escénicas

Outro dos pratos fortes, segundo destaca a organización, será a noite de humor galego do sábado 29 (no auditorio, ás 21:00 horas), co espectáculo Moito conto, creado por Touriñán en exclusiva para Culturgal. Está acompañado, entre outros, por David Amor, Pablo Meixe, Patricia Castriñón e Marita Martínez.  O Culturgal acollerá tamén os adiantos das montaxes de obras que chegarán no 2026 da man de Chévere, o Centro Dramático Galego, Talía Teatro; Bengala Teatro Físico, ou Morraoconto.

Repetirá a iniciativa Ven e baila o domingo pola mañá (13:30 horas), con varias actividades de baile arredor desta iniciativa coordinada por Artur Puga, como o espectáculo de danza Ceibe de Fran Sieira (13:00 horas).

Audiovisual

Proxectaranse tamén filmes destacados do cinema galego no ano 2025 e os adiantos de series e películas que se estrearán no ano 2026. Haberá tamén unha selección das curtametraxes do ano e a presentación da serie Pensión incompleta, que se gravará nas catro linguas oficiais do Estado.

Outra novidade será un ciclo de narrativa oral no que directores, realizadores e guionistas galegos explicarán os seus próximos proxectos como se fora un conto.

Literatura

A literatura será, como cada ano, protagonista tamén, no acto de peche do Culturgal o domingo pola tarde (19:00 horas). Nel, actrices e cantantes galegas lerán fragmentos da obra de Begoña Caamaño, á que se dedica o Día das Letras Galegas 2026.

Tamén visitarán a Feira Manolo Rivas, Suso de Toro e a escritora vasca Oihane Amantegui, entre outros moitos autores e autoras.

Programación infantil

Como novidade, o sábado pola mañá haberá un Festival de grupos infantís de escolas de teatro de toda Galicia.

Entradas e cartel

O proxecto Perpetuando, desenvolvido dende o CIFP Imaxe e Son da Coruña, é o responsable da creación da imaxe do cartel do Culturgal 2025, nunha actividade coordinada por Olaia Sendón, Ana Monteagudo e Elisa Vecino co alumnado do ciclo de Imaxe. A proposta leva por título Cooltura e quere representar “unha cultura aberta, diversa e próxima, afastada de calquera elitismo”.

Xa están á venda en www.cultur.gal as entradas para os concertos principais e para entrar no Culturgal, con bonos para os tres días.

 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Artistas "Espazo Novos Creadores" da Fundación Paideia no VIII Quincegotas da Coruña (Cúpula do parque de Eirís, 11/10/2025). Foto: Afonso Becerra.

Quincegotas. O extraordinario está nas pequenas cousas

Inverno - Iván Mouronte

Atopémonos Bailando de Lugo celebra a súa IV edición