in

A Xunta convoca as axudas ás salas privadas de artes escénicas

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o vindeiro 19 de decembro

Sala Ártika de Vigo
Imaxe dun dos espazos da Sala Ártika de Vigo. Fonte: Sala Ártika.

O Diario Oficial de Galicia, DOG, vén de publicar as bases das subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada, coas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en marcha a primeira das convocatorias do seu programa de axudas ás industrias culturais galegas para 2026 nos sectores profesionais das artes escénicas, o audiovisual e a música.

No caso específico da liña de apoio a estes pequenos espazos de exhibición de espectáculos, pasa a xestionarse bienalmente, de xeito que conta cunha dotación de 430.000 euros, distribuídos ao 50 por cento entre 2026 e 2027. O obxectivo “é contribuír á súa estabilidade, ofrecéndolles un horizonte plurianual de apoio que lles permita planificar e desenvolver as súas programacións escénicas a medio prazo cunha maior seguridade financeira”.

Contías

O prazo de solicitude estará aberto ata o 19 de decembro para salas escénicas de xestión privada, cunha capacidade máxima de 150 localidades e que teñan acreditada a realización dun mínimo de 50 representacións no ano 2025, entre outros requisitos.

Cada unha das beneficiarias poderá obter ata 75.000 euros de axuda por cada anualidade, cun límite do 75 por cento do gasto subvencionable. A contía recibida deberá destinarse á contratación de espectáculos, servizos técnicos e auxiliares asociados, dereitos de autor, contratación de persoal, comunicación e publicidade, ademais de ata o 20 por cento dos custos indirectos como alugueiros, subministracións ou gastos correntes.

A súa concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva a partir da avaliación dunha comisión, que terá en conta criterios como a antigüidade da empresa, a capacidade do local e a súa pertenza á Rede Galega de Salas en 2025. O proxecto de programación, con aspectos como o número de funcións ou a contratación de compañías galegas, son outras das cuestións que se valorarán, así como os plans de financiamento, de comunicación ou de creación de públicos.

Os espazos vigueses Sala Ártika e Teatro Ensalle e os coruñeses Teatro del Andamio e Sala Gurugú son desde 2020 os catro adxudicatarios destas axudas, en virtude das que integran a Rede Galega de Salas, un dos circuítos de artes escénicas promovidos pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Con estas subvencións, a Xunta de Galicia contribúe a garantir a estabilidade do funcionamento destas salas, “que destacan polo seu labor a prol da creación de públicos e como dinamizadoras culturais”. Ademais, a Xunta sinala que xogan “un destacado papel á hora de aumentar as posibilidades de contratación das compañías galegas, en especial das formacións de recente creación e das que apostan polas tendencias máis contemporáneas ou por públicos específicos, como o familiar”.

Pódese consultar e descargar aquí a convocatoria.

E aquí facer a presentación de solicitudes. 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Miña pequena, de Constance Hurlé

Constance Hurlé estrea ‘Miña pequena’ no MARCO de Vigo

'Fuga para o Tempo Presente – O Leve Poder da Lua Apenas Queima os Olhos' da Nuisis Zobop. Foto de Leonel Castro.

MasterClass Danza e Filosofía na ESAD de Galicia