in

O CDG estrea ‘Memorias dun neno labrego’

Con Contraproducións, hoxe, ás 18.00 horas, no Salón Teatro, en Santiago de Compostela

Presentación Memorias dun neno labrego
Presentación de 'Memorias dun neno labrego' no Salón Teatro do CDG. Fonte: Xunta de Galicia.

A Xunta de Galicia abre a súa actividade deste 2026 no Centro Dramático Galego (CDG) coa estrea, hoxe, ás 18.00 horas, no Salón Teatro de Santiago de Compostela, do espectáculo Memorias dun neno labrego. Trátase dunha nova versión teatral da novela de Xosé Neira Vilas producida coa compañía Contraproducións baixo a dirección escénica de Cándido Pazó.

Poderá verse ata o 25 de xaneiro e tamén do 11 ao 15 de febreiro na sede do CDG, ademais de xirar inicialmente por outra decena de localidades nestes dous meses.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, presentaron onte, xunto ao equipo artístico, esta montaxe, a través da cal a compañía pública homenaxea a figura de Neira Vilas no décimo aniversario do seu pasamento e no sexaxésimo quinto aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego. Participou no acto, así mesmo, a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, para falar da colaboración con esta entidade a través de visitas guiadas ligadas á temática da obra.
En canto ás ditas efemérides, Valentín García lembrou que o libro foi publicado por vez primeira en Bos Aires o 5 de xaneiro de 1961 a modo de agasallo de Reis do autor de Vila de Cruces a todos os nenos galegos, dentro e fóra de Galicia. Tanto o secretario xeral da Lingua como Cándido Pazó incidiron na pertinencia e necesidade de novos achegamentos “a esta gran novela da literatura galega, que marcou varias xeracións lectoras e conta con traducións a unha vintena de idiomas e máis de setecentos mil exemplares publicados en todo o mundo”.

A emoción en primeiro termo

As lembranzas de Balbino, o rapaz de aldea que –como destacou o secretario xeral da Lingua– é xa un dos personaxes máis universais das letras galegas, regresan a escena 15 anos despois de que o propio Pazó levase ás táboas unha primeira adaptación teatral en formato monólogo. Para esta segunda revisión da obra no ámbito do teatro profesional, conta con Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santos para lle dar vida a un espectáculo “moi dinámico e para todos os públicos”. As lembranzas de Balbino preséntanse “como a memoria colectiva dunha Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando, poñendo en primeiro termo a emoción, pero botando man tamén do humor e da comunicación directa co público”.
Ademais da dirección escénica, Cándido Pazó asina este texto teatral “que segue a voz sincera e sensible deste fillo de labregos pobres medrando nun mundo de silencios, traballo e obediencia”. Así, Balbino “narra con mestría a vida cotiá nunha aldea galega dos anos corenta: a escola, a relación co pai, os soños frustrados, as inxustizas sociais e o desexo constante de fuxir do seu destino”.
Completan o equipo Pablo Giráldez “O Pastor” na escenografía e attrezzo, Martina Cambeiro no vestiario e caracterización, Xosé Lois Romero na música orixinal, Afonso Castro na iluminación, Belén Pichel na axudantía de dirección e Mariña Lestón na asistencia á produción, que traballan en colaboración co persoal técnico do CDG.
Ante o bo ritmo de venda de entradas do espectáculo, para o que xa foron adquiridas máis de 2500 localidades, o director do Centro Dramático Galego anunciou que haberá unha segunda quenda de representacións do 11 ao 15 de febreiro, que se sumará á inicialmente programada do 8 ao 25 de xaneiro. En ambos os casos, as funcións serán de mércores a domingo ás 18.00 horas e os billetes poden adquirise tanto a través da rede e no propio teatro desde dúas horas antes do comezo de cada pase.

Xira inicial

Ademais, Memorias dun neno labrego ten pechada unha xira inicial para estes dous meses, durante os que se poderá ver en Vimianzo, Nigrán, Lugo, Ribeira, Vilalba, Rianxo, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras ou Carballo, entre outras localidades.
Ao tempo, a compañía da Xunta mantén a súa campaña Sobes ao autobús do teatro?, a través da que pon a disposición dos concellos galegos un servizo gratuíto de autocares a Santiago de Compostela para poder gozar do espectáculo. No marco desta iniciativa, o Salón Teatro recibirá público de 25 municipios, así como un grupo da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
As funcións contan igualmente coas habituais medidas de accesibilidade, como interpretación a lingua de signos, audiodescrición e subtítulos para o teléfono, ademais das funcións descontraídas dos mércores cunha atmosfera acolledora e maior tolerancia respecto do ruído e movemento no patio de butacas.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Afonso Becerra.

Cando o espectáculo desborda nas rúas