Colectivo Glovo presenta a súa nova creación de danza contemporánea, ALÉN, que poderá verse por primeira vez este venres, 16 de xaneiro, a partir das 20.00 horas, no Teatro Ensalle, en Vigo. A sala viguesa albergará dúas funcións máis: unha o sábado, 17 de xaneiro, e outra o domingo, 18 de xaneiro; as dúas tamén ás 20.00 horas.
Ao longo de varias das súas creacións, Colectivo Glovo foi incorporando de maneira progresiva distintos elementos do folclore galego, e, de forma específica da danza tradicional galega, integrándoos nunha linguaxe escénica propia e contemporánea. Nesta ocasión, ALÉN dá un paso máis alá nesta liña de investigación, afondando de maneira consciente e específica nestes códigos.
Para esta estrea, a compañía traballou estreitamente con mestres da danza tradicional, entre eles Iván Villar, co obxectivo de “afondar, ampliar e resignificar a presenza destes elementos dentro da peza”. Este proceso permitiulles “que o tradicional non apareza como cita ou referencia, senón como unha enerxía viva que atravesa o corpo contemporáneo e amplifica a súa potencia escénica”.
ALÉN é unha creación escénica interpretada por catro bailaríns “que explora o máis alá non como destino, senón como proceso: ese intre no que algo remata, pero o novo aínda non tomou forma”. A peza propón, xa que logo, “habitar ese territorio suspendido entre o derrubamento e o renacemento, construíndo unha experiencia poética, física e sensorial de grande intensidade”.
A proposta destaca polo seu dinamismo e pola súa enerxía constante. O movemento non se detén: evoluciona, transfórmase e xera un tecido escénico en permanente cambio, reforzado por unha dimensión ritual que convida o público a mergullarse nun tempo distinto, onde a percepción se expande.
A estrea de ALÉN está dirixida e creada por Esther Latorre e Hugo Pereira, con coreografía de Esther Latorre. O elenco está formado por Esther Latorre, Paula Urquijo, Xián Martínez e Marc Fernández. A peza conta con espazo sonoro de José Pablo Polo, espazo lumínico de Xacobo Castro e vestiario de Adolfo Domínguez, entre outras colaboracións artísticas.
O espectáculo é unha coprodución co Centro Coreográfico Galego, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, e conta ademais coa participación como coprodutores de Teatro Ensalle, Concello de Lugo, Concello de Ames, El Palacio. Residencias Artísticas y Acción Cultural de Gijón, Seattle International Dance Festival, Teatro de Vila Real (Portugal) e Auditório Municipal de Macedo de Cavaleiros (Portugal).
A xira
Tras a súa estrea en Vigo, ALÉN xa ten funcións confirmadas en Lugo, O Barco, Ames, Carballo, A Coruña, Santiago de Compostela e Xixón, ademais dunha xira internacional con funcións previstas en varias cidades de Portugal e nos Estados Unidos.
Ademais de con esta nova peza, Colectivo Glovo continúa en xira con outras tres producións recentes: TABÚ (2022), ALLEO (2022) e TRÏADE (2025), con máis de 35 funcións confirmadas ao longo de 2026 en circuítos autonómicos, estatais e internacionais.
Sinopse
“Hai momentos nos que sentimos que algo se rompe por dentro. Non sabemos ben o que vén despois, só que xa non somos quen eramos. Estamos entre dúas augas, entre dous nomes, entre dous mundos. O derradeiro respiro antes do salto. Nese intre, entre o derrube e o renacemento, nace ALÉN”.
Ficha artística e técnica
Dirección e autoría: Esther Latorre e Hugo Pereira
Coreografía: Esther Latorre
Repetidora: Estefanía Gómez
Interpretación: Esther Latorre, Paula Urquijo, Xián Martínez e Marc Fernández
Asesoría de movemento (danza tradicional): Iván Villar
Espazo sonoro: José Pablo Polo
Espazo lumínico: Xacobo Castro
Vídeo: Miguel PG – Harria Producciones e Henrique Lamas
Vestiario: Adolfo Domínguez
Fotografía: Sabela Eiriz
Produción: Hugo Pereira · Colectivo Glovo
Coprodución con:
Centro Coreográfico Galego · Axencia Galega das Industrias Culturais · Xunta de Galicia · Colectivo Glovo · Teatro Ensalle · Concello de Lugo · Concello de Ames · El Palacio. Residencias Artísticas y Acción Cultural de Gijón · Seattle International Dance Festival · Teatro de Vila Real (Portugal) · Auditório Municipal de Macedo de Cavaleiros (Portugal)
Duración: 55 minutos
- Carlota Mosquera estrea ‘Ninguén tira fotos nos enterros’ - 15/01/2026
- Colectivo Glovo estrea ‘ALÉN’ - 14/01/2026
- O CDG estrea ‘Memorias dun neno labrego’ - 08/01/2026



