Natalia Outeiro Romay, coñecida como Pajarito, vén de ser recoñecida co XXV Premio de Intepretación Teatral Maruxa Villanueva, galardón outorgado polo Concello de Padrón, en recoñecemento pola súa interpretación no espectáculo A serie clopen, do Centro Dramático Galego (CDG).
O xurado, reunido o 10 de febreiro, estivo presidido polo alcalde da localidade, Anxo Arca, e formaron tamén parte del Inma López Silva, Caetano Biscainho Fernándes, Afonso Becerra Arrojo, Roberto Pascual Rodríguez e María Cruz Taboada (funcionaria do Concello de Padrón, quen actuou como secretaria). Na súa resolución quixo destacar “as habilidades actorais de Natalia Outeiro Pajarito, nomeadamente no ámbito do novo circo”, así como “o seu traballo cómico para todos os públicos n’A serie clopen, o seu dominio dos tempos en escena e a elegancia do seu humor”.
Natalia Outeiro recibirá un premio en metálico de 1200 euros, un diploma acreditativo e unha figura coa imaxe da actriz Maruxa Villanueva nun acto de entrega que terá lugar nos vindeiros meses en Padrón.
Con esta vixésimo quinta edición do premio, o Concello de Padrón quere seguir “reafirmando o seu apoio á escena teatral e ao talento interpretativo galego, sumando esta iniciativa ao seu compromiso coa cultura e as letras, que tamén se reflicte no Premio de Narrativa Camilo José Cela e no Certame Poético Rosalía de Castro”.


