Raquel Castro
(Alxén, Salvaterra de Miño) Licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa e Filoloxía Hispánica, traballa como profesora de Lingua galega e literatura no ensino secundario. É presidenta e fundadora da Asociación Teatral de Alxén dende 1999 e todas as súas obras de teatro están destinadas a ser interpretadas polo grupo de teatro infanto-xuvenil Ata Sempre de dita Asociación. Ademais, imparte talleres de teatro no instituto onde traballa, para o alumnado de secundaria, pois considera que o teatro é unha ferramenta fundamental no ensino. Algunhas das obras que estes nenos e nenas do Grupo de Teatro Ata Sempre levaron a escena recibiron algún premio, por exemplo, 'As terapias da doutora Ledicia' tivo Mención de Honra nos Premios Estornela de Teatro Infantil (2014), que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas e foi finalista na Gala do Libro Galego 2016 na categoría de Teatro. Desta mesma Gala, pero no ano 2019, foi finalista 'A formiga fóra do carreiro', obra que acadou un segundo premio como mellor libro de teatro en galego do 2018, en Fervenzas Literarias. Acaba de publicar 'Dormente', unha peza para a mocidade, coa Editorial Galaxia. Dende hai tres anos coordina, dende o IES Ribeira do Louro, o Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño.