Revista Galega de Teatro

Publicidade

Revista Galega de Teatro

A cámara escura

CRÍTICA LITERARIA

A cámara escura

de José Luis Baños de Cos

Editorial Galaxia, 2021

Colección Costa Oeste

III Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño 2020

“Chamarei historias ‘tabú’ a certo tipo de historias que considero útil contar aos nenos, pero fronte ás que moitos torcen o bico. Representan un intento de discutir co neno temas que lle interesan intimamente, pero que a educación tradicional, en xeral, sitúa entre as cousas das que “non se debe falar”.  Quen dixo isto foi Gianni Rodari, de cuxo nacemento se fixeron xa 100 anos.

José Luis Baños de Cos gañou a III edición do Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño que convocan anualmente o IES Ribeira do Louro, a Editorial Galaxia e o Concello de O Porriño coa obra A cámara escura. O autor fálalle á mocidade, a quen vai destinada a obra, de temas que lle interesan intimamente, como di Rodari, e, tamén, lle fala na linguaxe que mozos e mozas empregan a cotío.

Ben é certo que a mocidade pode ler os clásicos, que pode ler textos actuais para público adulto, mais este certame literario naceu da necesidade de atopar textos teatrais que mozos e mozas leven a escena, textos cos que se sintan identificados e cómodos. E iso foi o que conseguiu José Luis e os seus predecesores en gañar o premio, Fernando Castro Paredes e Ana Abad de Larriva. Todos eles vinculados, dende hai tempo ao mundo do teatro.

Publicidade

A cámara escura é un texto de diálogos áxiles, vertixinosos como os que se envían por WhatsApp, escritos nunha linguaxe actual, que non fai que o galego mingúe na súa calidade, pola contra, achégao a potenciais falantes, a neofalantes dos que estamos tan necesitados nestas franxas de idade. Crush, best friend forever, influencer, superlike… son termos que se mesturan con naturalidade co léxico propiamente galego, unha lingua actual, que medra e evoluciona.

Quince fotografías compoñen estruturalmente a peza, quince escenas que compoñen o drama de Alicia. Poucas son as anotacións que nos atopamos, fanse innecesarias,  porque o paso de escena a escena, de fotografía a fotografía vén marcado polo ritmo frenético da obra, como se estivésemos a pulsar o botón dunha cámara. Non precisariamos máis ca un proxector que nos cambie de imaxe, os personaxes enchen a escena, sen necesidade de atrezo, agás o móbil, omnipresente. Todo recollido para os espectadores nunha gran cámara escura que conforma o propio escenario.

Dentro do móbil agóchase o Coro, personaxe colectivo que abre e pecha a obra, e que se manifesta nas redes sociais, dende o Instagram inicial ao WhatsApp final. É o personaxe conciencia e xuíz implacable a un tempo, mais unha vez que xulgou desaparece (“deixou o grupo”), porque no seu papel non está solucionar problemas.

Alicia, a protagonista, comparte unha foto co seu crush, sentiuse obrigada a facelo. A presión social pode ser moi forte. Hai que ser aceptada polo grupo. Tal como Alicia no país das marabillas, esta Alicia, entra no tobo -móbil- do coello e xa non hai escapatoria. Entra no móbil, no grupo, e xa deixa de ser ela, xa é de todos, dese Coro que se cre co dereito de xulgarte. Un tobo que é unha cámara escura da que é difícil saír e te illa ao mesmo tempo que te expón.  Unha Alicia que se duplica, que se observa a si mesma a través dun espello no que non se recoñece, que a mantén atrapada sen poder comunicarse nin con súa nai, tan próxima e tan afastada.

Mais, mesmo coa seriedade da temática abordada hai lugar para o riso, para a relaxación, con escenas intercaladas onde Niépce e Aristóteles se xogan ao “pedra, papel, tesoira” a autoría da cámara escura.

A  peza admite variación no número de actores, dos nove presentados, o autor deixa aberta a posibilidade de introducir máis, segundo o criterio da dirección e, mesmo diría segundo o criterio dos mozos e mozas que a leven a escena, que lle darán vida e, sen dúbida, han sentirse identificados con moitas das instantáneas que se nos ofrecen. Neles e nelas está o traballo corporal, sós e soas nesa cámara escura, contan co seu corpo para expresar as emocións, a mellor ferramenta a explotar nestas idades onde custa tanto expoñerse, porque como di Afonso Becerra en Confio-te o meu corpo (Através Editora): “Quando nos encontramos mal ou estamos bem contentes, por muito que tentemos dissimular, o nosso corpo reflete isso. À margem da nossa vontade comunicativa e do nosso controlo, o corpo expressa como estamos, delata os nossos estados de ânimo”.

A cámara escura é unha obra moi necesaria, actual e viva, que vén a reforzar e a enriquecer a biblioteca do teatro galego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

Ficha do libro

José Luis Baños de Cos, A cámara escura

III Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño 2020

Editorial Galaxia, 2021

Colección Costa Oeste

72 páxinas

Compartir

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Subscríbete ao boletín á newsletter

Recibe no teu email as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

Back to Top
Ads Blocker Image Powered by Code Help Pro

Ad Blocker Detectado!!!

Parece que capaches a nosa publicidade... Os anuncios da nosa páxina permiten á erregueté manterse activa. Desactiva o Ad Blocker e refresca a páxina para poder desfrutar dos nosos contidos con normalidade.

Publicidade
Publicidade
close

Log In

Forgot password?

Forgot password?

Enter your account data and we will send you a link to reset your password.

Your password reset link appears to be invalid or expired.

Log in

Privacy Policy

To use social login you have to agree with the storage and handling of your data by this website. %privacy_policy%

Add to Collection

No Collections

Here you'll find all collections you've created before.