in

Xoguemos pois!

Teatro infantil Touporroutou
Foto de Tino Viz

Carlos Casares puxo laranxas a falar en As laranxas máis laranxas de todas as laranxas obra coa que gañou, en 1972, o Premio de Teatro Infantil O Facho. Case cincuenta anos despois o teatro destinado a este público segue a ser unha excepción. Son poucas as editoriais que apostan pola publicación de literatura dramática infantil, quizais pola pouca demanda? Ou será que non hai oferta?

Hoxe deberiamos ter unha axenda cargada de espectáculos que lle achegasen o teatro á infancia, mais non é así, podedes buscar nas redes, eu fíxeno, e xa veredes que ides atopar ben pouco. Isto entristéceme no que é, tamén, o día mundial da felicidade.

Os escenarios, cando menos o 20 de marzo, haberían estar ateigados de laranxas, de barrigas verdes, de espantallos, de apalpadores, de formigas, de meigas, espiñas de toxo e de tantos e tantas personaxes que poboan a nosa literatura dramática infantil, en cada unha das súas vertentes. Temos teatro para ler, teatro para representarlles aos cativos e cativas e, tamén, teatro para que a rapazada sexa protagonista e suba ás táboas enchendo o escenario de maxia. O teatro infantil e xuvenil, en calquera dos seus formatos, fai espectadores e espectadoras do futuro, xente sensible cara a cultura, cara ao espectáculo. Non é o mesmo ir ao cinema ver unha película de Disney que gozar da maxia do teatro, un espectáculo directo, participativo e vivo no que os sorrisos e aplausos da cativada chegan ata a escena e forman parte dela. E se son os cativos e cativas os que se meten nos personaxes xa é a catarse completa.

Dende Dorothy Heathcote, que ergueu os nenos e nenas das cadeiras para que se apoderasen do escenario, moitas e moitos, que amamos o teatro e a infancia, seguimos a esforzarnos cada día para achegar o teatro a este público e facelo cotiá. Non se trata dun público fácil, neles e nelas non hai hipocrisías, vanche facer saber se lles gusta ou non lles gusta o que lle están amosando e, se son protagonistas do espectáculo, trabállano ata converterse tamén en técnicos  de imaxe e son, en espertos e espertas produtores e produtoras, en mecenas do imposible, porque todo ten que saír á perfección e a perfección na infancia é incuestionable. Despois, hai un momento, un intre onde os focos se apagan e queda a escena sen luz no que nos metamorfoseamos e, para cando volve abrir o pano, xa estamos vestidos con convencións, normas, etiquetas e decidimos que é o que vende ou non vende, que é o que se publica ou non se publica, se marcamos unha data sinalada ou non a marcamos.

Se pensamos en algo que identifique a infancia iso é o xogo. Dunha vez pregunteille a unha alumna miña por que lle gustaba vir aos talleres de teatro e díxome: “porque me encanta xogar”.

Xoguemos pois!

Folla de Carballo: Son a Folla de Carballo

agarimada do ar


Publicidade

A leve pinga de orballo

sobre min se vén pousar.

Espiña de Toxo: Eu son a Espiña de Toxo,

espiña de toxo arnal.

Anque teño cara fera

nunca fixen ningún mal.

Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, Manuel María

Raquel Castro

Raquel Castro

(Alxén, Salvaterra de Miño) Licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa e Filoloxía Hispánica, traballa como profesora de Lingua galega e literatura no ensino secundario. É presidenta e fundadora da Asociación Teatral de Alxén dende 1999 e todas as súas obras de teatro están destinadas a ser interpretadas polo grupo de teatro infanto-xuvenil Ata Sempre de dita Asociación. Ademais, imparte talleres de teatro no instituto onde traballa, para o alumnado de secundaria, pois considera que o teatro é unha ferramenta fundamental no ensino.
Algunhas das obras que estes nenos e nenas do Grupo de Teatro Ata Sempre levaron a escena recibiron algún premio, por exemplo, 'As terapias da doutora Ledicia' tivo Mención de Honra nos Premios Estornela de Teatro Infantil (2014), que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas e foi finalista na Gala do Libro Galego 2016 na categoría de Teatro. Desta mesma Gala, pero no ano 2019, foi finalista 'A formiga fóra do carreiro', obra que acadou un segundo premio como mellor libro de teatro en galego do 2018, en Fervenzas Literarias.
Acaba de publicar 'Dormente', unha peza para a mocidade, coa Editorial Galaxia. Dende hai tres anos coordina, dende o IES Ribeira do Louro, o Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

DROP de Pistacatro

Pistacatro estrea DROP, unha metáfora da vida con malabares

Xunta Directiva AAAG

Nova xunta directiva da AAAG