A que non podes dicir Coca-cola?

As curvas da vida nun raree show

| Afonso Becerra de Becerreá |

O vermello e o negro, nos elementos escenográficos e no vestiario, tinxen dunha intensidade case cabareteira os diversos números que integran A que non podes dicir coca-cola? da Cía. Teatro do Lume.

Como un peep-show no que se ispen e contorsionan as curvas da vida, entre desacougos e miserias, Lina Pérez saca en cada número unha polaroid de situacións nas que sobrancea a ironía.

O escenario convértese, entón, nunha peep box ou raree show inzada de sorpresas e de humor que van do persoal ao social e nos tocan.

Lina interpreta diálogos en forma de monólogo, nos que as súas réplicas se dirixen a unha amiga, a un doutor, a unha entrevistadora e incluso a nós.

A actuación inclúe un traballo de representación e de ficcionalización de situacións diversas desas “vidas post-it” que, como no libro de Iolanda Zúñiga, retratan aquí, con valentía e humor, as derivas e rumbos dunha xeración arredor dos corenta anos: a absurda busca da felicidade, a confrontación cos espellos nos que ese exterior xuvenil comeza a esmorecer mentres no interior segue a revolución, a creba dalgúns ideais logo das hostias, a relación cos cartos…

Cómpre destacar os contrapuntos emocionais suscitados por momentos de caricatura cómica, con aquela muller que colle unha revista titulada Saber vivir e se prepara para gozar despois de depilarse, maquillarse, vestirse de vermello… Ou a alegoría crítica da Unión Europea impeléndonos, bandeira en man, a exercer algúns dos nosos dereitos concretizados nas pequenas cousas do cotián: tomar un café, mercar un vestido que nos gusta, ir ao teatro… Fronte a momentos aparentemente máis introspectivos ou dramáticos, pero sempre desde unha certa distancia crítica.

A actriz xoga unha especie de polifonía, como se lle dera voz a un coro de mulleres que son unha soa e, á vez, todas as da súa xeración en Galicia, pertencentes a unha clase media traballadora. Dobremente castigada, tanto pola súa pertenza a esa clase traballadora como pola condición de muller, debido á crise e ás lacras dun país que non acaba de desenvolverse no social.

O acompañamento musical e lumínico que cobre a actuación facilita a asunción emocional dos temas tratados así como as transicións entre os números deste cabaré.
Da melancolía inicial á borracheira final, A que non podes dicir coca-cola? é un axuste de contas e un canto á liberdade.

A que non podes dicir coca-cola? de Lina Pérez
Dirección e interpretación: Lina Pérez
Produción: Teatro do Lume

Teatro Ensalle de Vigo, 15 de marzo de 2015

Deixar unha resposta