in

3, 2, 1…

3 2 1 de ghazafellos |

Cara a vida… e máis alá!

| Roi Vidal Ponte |

3_2...1_de_Ghazafellos

 

 

No teatro infantil, ese que ninguén di que sexa para toda a familia aínda que ás veces sirva mesmo para persoas solteiras, parece que collen todas as cousas que o outro, o chamado “de adultos”, desbota e non quere para si. Cousas como os subxéneros propios da serie B do cine dos sesenta ou da literatura popular de peto. Poucas obras de teatro acoden ao terror e ao medo como reclamo. Case ningunha molla a súa inspiración no sinuoso baleiro infinito da ciencia-ficción.

Ghazafellos lánzase a esa aventura. A de contar unha fábula no espazo exterior. Non falta ningún ingrediente: astronautas, naves espaciais, galaxias e planetas inexplorados, estrañas formas de vida e mesmo unha sedutora extraterrestre.

O estilo é máis inocente ca naïf, precisamente porque está pensado para nenas e nenos de verdade e non para donas e cabaleiros regresivos. A cor domina a escenografía. Nun fermoso comezo, o teatro de obxectos demostra que é perfectamente apto para recrear toda a espectacularidade que require unha viaxe interestelar. Monicreques e obxectos, neste caso grazas á técnica do teatro negro e ás formas directas e coidadas, son os particulares efectos especiais desa arte audiovisual sempre en 3D que é o teatro.

Logo aparece a nave. E a partir de aquí é a presenza de actor e actriz a que cobra protagonismo. O encontro do astronauta cunha extraterrestre fai despegar a caixa dos lugares comúns e a trama vai perdendo interese. Polo menos faise con dignidade e mesmo con destreza, cun dominio corporal moi acaido e co ritmo axeitado ben visto desde a dirección de Pepablo Patinho. Precisión e claridade: algo que moitas veces se esquece, mais sen que o público infantil (e non só) pode acabar perdéndose.
A rapazada, e iso é o importante, sorpréndese e fai preguntas. Emociónase descubrindo o teatro. Mesmo descubrindo que no teatro non se responde facilmente a certas preguntas:

-Que imos ver, mamá?
-Teatro, filla.
-E iso que é, coma un vídeo?
-Non, aquí son as persoas as que falan.

E logo as persoas non falan, nin falta que fai, e a nena se cadra quede pensando que mamá non ten sempre razón. Que máis se pode pedir?


Publicidade

Se cadra, que os colorinchos do vestiario e as naves espaciais estivesen presentes tamén no grande semicírculo central que fai as veces de planeta. E sobre todo, que a tendencia tivese sido non a compracernos co politicamente correcto, senón á ruptura das expectativas e ao abraio un tanto malicioso co que nos agasallan algúns momentos picantóns ou escatolóxicos. A intención pedagóxica é clara e acada unha boa metáfora da tolerancia fronte as diferenzas, arrisca pouco e vai ao contido seguro e dixerible. E temos que entendelo. Pero se cadra niso consista a diferenza entre o que é para toda a familia e o que é para solteiros.

Así e todo, o grandioso e sorprendente final, que aquí non imos desvelar, é quen de lles brindar aos maiores un pouso de melancolía para o resto da tarde, e ao público cativo un recordo do que comezar a tirar preguntas para o resto da vida.

3, 2, 1… de Teatro dos Ghazafelhos
Texto e dirección: Pepablo Patinho
Elenco: Montse Piñón, Jorge Casas, Pepablo Patinho
Deseño de iluminación: Ana Díaz
Vestiario e maquillaxe: Montse Piñón
Deseño de son: Jorge Casas
Distribución: Urdime

 

Auditorio Municipal de Vigo. 22 de marzo de 2015.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

podes dicir cocacola |

A que non podes dicir Coca-cola?

premiados1 |

XIX Premios María Casares: todos os premiados