in

Madre Coraje

madrecoraje |

Brecht despois de Brecht

| Roi Vidal Ponte |

 

MadreCoraje

 

Hai dúas maneiras de facer unha crítica sobre a montaxe de Madre Coraxe e os seus fillos de Atalaya Teatro.

A primeira delas, polemista, dura, implacable, fala dun teatro caduco, dunha estética pasada de moda, dunha interpretación que de tan expresionista chega a resultar incómoda, inocente e aburrida para un público xa demasiado afeito ao naturalismo cinematográfico, dun lado, e ás actuacións posdramáticas antimiméticas, por outro. É a crítica de quen está de volta, de quen di xa telo visto hai anos, de quen dorme sobre libros de praxe escénica e soña con deixar de ir a Ribadavia.

A outra forma, compracente, benévola, hixiénica, aberta e liberada, de facerlle unha crítica á Madre Coraxe de Ricardo Iniesta e o seu grupo nomea as razóns dunha estrañeza moi ben acaida, ve teatro clásico do de toda a vida, o grande teatro da nosa infancia, os máxicos seráns dos nosos pais na xuventude, e sabe, sen sabelo, que esta cousa rara ten que ter un sentido. É a dun auditorio enteiro posto en pé, porque xa sabían que o que viñan a ver era teatro.

Madre Coraxe é unha personaxe ambivalente. A súa conduta é controvertida. Arquetipo da corrupción moral dunha sociedade presta a se aproveitar da miseria allea; mais tamén exemplo cruel e lúcido de que as cousas poñen a cadaquén no seu lugar, e en realidade non podes dicir en que lugar da túa moral te situarías se mañá estoupase unha guerra e tiveses que alimentar a túa prole.

Ademais das consabidas cancións (algunhas interpretadas en alemán sen subtítulos), das rupturas da cuarta parede nas que aparece a narración das acoutacións do texto e de outros elementos escénicos (as luces, a presenza do publico no escenario, o carro de aparencia construtivista…) encamiñados á conseguir o Verfremdunsgeffekt ou efecto de distanciamento ou estrañeza, Atalaya arrisca, sobre todo, cun estilo interpretativo vertixinosamente brechtiano. Os xestos corporais cos que cada membro do elenco compón cadanseu personaxe, os clixés visuais que funcionan ao modo do teatro sintético oriental, o movemento preciso, coreografado, incesante, dos corpos sobre o escenario, son elementos que conseguen ese distanciamento entre actriz e personaxe que pedía o dramaturgo bávaro para a execución do seu teatro épico.

A lección é ben sabida. O teatro serve para axitar as conciencias. Debe facer pensar e, polo tanto, insistirlle á espectadora que o que ve é un artefacto ensaiado, unha ficción, unha farsa, puro teatro teatral, para non se deixar arrastrar pola emoción e manter unha actitude distanciada, obxectiva e crítica ante o conflito exposto no escenario. Carmen Gallardo (Naicoraxe) cunha actuación sobria e concisa; Lidia Mauduit (Katerina) coa súa entrañable clown muda; Silvia Garzón (Ivette Potier) cunha enerxía sinuosa e cambiante para cada etapa vital da súa personaxe; Manuel Asensio (Cociñeiro, Torto) coa súa poderosa voz e presenza caricaturesca… Todos os compoñentes do elenco fozan nesa teatralidade que pode parecer sobreinterpretada e demasiado teatral para os gustos refinados, mais que é acertada nunha estética que procura ser fiel ás ideas do teatro de vocación política de Brecht.


Publicidade

Ao final, se acaso, unha terceira vía buscaría por outras maneiras de lle render fidelidade ao mestre, preguntaría se non cumpriría rozar un camiño que se afastase tanto do histrionismo desta posta en escena como da frialdade interpretativa que se lle supón á maneira canónica de facer teatro épico. Pero esa unha crítica que agarda por un espectáculo aínda por facer.

 

Madre Coraje de Bertolt Brecht
Compañía: Atalaya
Dirección: Ricardo Iniesta
Elenco: Carmen Gallardo, Lidia Mauduit, Jerónimo Arenal, Manuel Asensio, Silvia Garzón, María Sanz, Raúl Vera, Raúl Sirio Iniesta
Iluminación: Alejandro Conesa
Son e música: Emilio Morales
Vestiario: Carmen de Giles, Manolo Cortés

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Auditorio do Castelo, 17 de xullo de 2016.

 

 

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

susn1 |

Susn

pinocchio |

Pinocchio