The Ventriloquists Convention

O creador e o seu dobre

| Manuel Xestoso |

Foto: Susana Neves

Os creadores adoitan ter unha relación conflitiva coas súas creacións. Quizais o caso máis célebre sexa o de Deus –cuxas criaturas favoritas preferiron arriscarse a probar a froita prohibida que vivir nun réxime de todo incluído no Paraíso– mais existen outros moitos exemplos que van de Prometeo ao Dr. Frankenstein e que demostran que o creado non adquire verdadeira carta de natureza ata que se emancipa do seu autor. Instáurase así un vínculo que recorda moito á dialéctica hegeliana do amo e o escravo, aínda que o realmente interesante é que a criatura non só se rebela, senón que tamén revela moitas cousas do aprendiz de bruxo que lle deu a vida.

The Ventriloquists Convention parte dunha orixinal reivindicación do ventrílocuo como marionetista para afondar nesa relación entre o creador e a súa obra. Enmarcado nunha especie de congreso de profesionais que está a medio camiño entre o kitsch, o cabaré máis sórdido e o show televisivo, o espectáculo de Gisèle Vienne consegue inserir cuestións que atinxen ás máis escuras pulsións humanas nun molde de comedia de situación.

Os participantes neste singular congreso non son só os artistas, senón tamén os seus dobres, as marionetas. A creación emancipada resulta ser, ao mesmo tempo, unha prolongación da personalidade do autor a través da que se expresan as súas frustracións, os seus desexos e os seus apetitos inconfesables. A individualidade de cada un dos bonecos procede do proceso de sublimación dos fantasmas de cada un dos ventrílocuos e iso conduce a unha pregunta incómoda: quen é o que fala cando fala a marioneta?

As cousas nunca son fáciles: Freud advertía que ese proceso de sublimación que xera a obra de arte era tamén a orixe da neurose. Kurt, unha marioneta que reproduce os trazos físicos e psíquicos de Kurt Cobain, decláralle o seu amor a Pillow, unha marioneta “de vangarda” que é, en realidade, unha almofada animada. “Quero durmir contigo” confésalle nunha das escenas máis conmovedoras do espectáculo. Os manipuladores destes bonecos, porén, manteñen entre si unha frialdade case imposible de superar, malia a manifesta atracción que senten o un polo outro.

Esa dupla natureza da vida social queda desvelada nunha estrutura paralela. A primeira parte deste hipnótico The Ventriloquists Convention, –protagonizada por Nils, un artista de éxito, e Nils, a súa marioneta– é unha visión crítica do show bussines á americana, coa súa sobredose de sorrisos forzados e optimismo voluntarista. O baleiro que subxace tras esa aparencia de harmonía queda exposto nunha segunda parte na que o clima se transforma en algo moito máis mesquiño e no que afloran as argucias miserentas en pos do éxito profesional, as confesións de desamparo persoal e mesmo as acusacións de abusos sexuais.

O espectro da morte e da ausencia comparecen entón, lembrándonos que hai unha soidade orixinal difícil de superar dentro dos patróns sociais que rexen as relacións entre os individuos. Non por acaso, Lacan falaba da sublimación como “socialización dos instintos”. Un homosexual que pugna por aceptarse a si mesmo diante do rexeitamento da súa contorna pode atopar na marioneta a prolongación do amigo imaxinario no que refuxiou o seu desvalemento. Mais non queda claro se o pracer da creación artística é suficiente para compensar o sufrimento persoal que a motivou.

The ventriloquist convention de Gisèle Vienne
Concepción, dirección e escenografía: Gisèle Vienne
Texto: Dennis Cooper, em colaboração com os intérpretes
Música: KTL (Stephen O’ Malley e Peter Rehberg)
Deseño de luz: Patrick Riou
Interpretación e co-creación: Jonathan Capdevielle, Kerstin Daley-Baradel, Uta Gebert & Vincent Gohre e os actores da Puppentheater Halle: Nils Dreschke, Sebastian Forkat, Lars Frank, Ines Heinrich-Frank e Katharina Kummer
Escenografia e vestiario: Gisèle Vienne en colaboración con Angela Baumgart.
Concepción de marionetas: Gisèle Vienne
Construción de marionetas: Hagen Tilp
Dirección técnica do proxecto: Henryk Drewnick, Daniel Schreine
Coordinación técnica e luz: Arnaud Lavisse
Son: Mattef Kuhlmey
Produción: Puppentheater Halle, DACM (Halle/Salle & Strasbourg)

Festival Internacional de Marionetas do Porto. Teatro Rivoli, 22 de outubro de 2016. 

Deixar unha resposta