in

Martes de Carnaval

martesdecarnaval03 |

A balsa do noso tempo

| Laura Porto |

 

martesdecarnaval03 |
Foto: Miramemira

 

Logo dun longo barbeito por fin o público galego pode ver agromar os froitos do traballo de Valle-Inclán, na súa lingua propia e cunha equipa artística de aquí. Gostariamos de telo escoitado un pouco máis, por ser este o ano en que podemos facelo en galego, mentres que unha montaxe coma esta quizais poderíamos tela visto noutro momento. Isto é bastante relevante se temos en conta a imposibilidade de tradución ao noso idioma que durante os últimos 80 anos pesou sobre a obra do autor, dunha galeguidade innegable malia o feito de estaren escrita en castelán e secuestrada pola súa familia para a representación e publicación en galego. Esta polémica familiar, este secuestro sufrido por toda a sociedade galega dun dos seus máis grandes autores, debera ser suficiente para xustificar un tratamento do texto moito máis respectuoso e, sobre todo, íntegro. Insistimos, levamos moito podendo ver as pezas de Valle-Inclán e tendo a posibilidade de montalo, mais a posibilidade específica deste momento histórico é a de facelo en galego. Non vemos amor algún polo idioma na montaxe do CDG senón un texto duramente recortado e relegado en moitos casos a unha pantalla de leds. Un texto que, cando aparece, semella ter que estar como obriga, como xustificación e non como motivación. É unha opción coma calquera outra e non é necesariamente unha mala escolla, mais polas características especias que arrodean a obra de Valle, xa comentadas, non podemos deixar de sentir como unha pequena traizón o recorte e omisión de texto nun ano en que a promesa e a vontade eran escoitalo por fin en galego.

Estas dúas pezas da triloxía Martes de carnaval: As galas do defunto e A filla do capitán, foron levadas a cabo pola mesma equipa artística e baixo a dirección dunha mesma persoa, Marta Pazos, en medio dunha polémica que nos leva a revisar a obra completa de Valle-Inclán para nos asegurar de que non foi tirada de aí. Ten certo sentido a escolla dunha soa directora, así como dunha soa equipa, para as dúas pezas tendo en conta a íntima relación que estas teñen, malia que este feito teña sido, en certo xeito, accidental. A cohesión dos traballos é boa, e funcionan xuntos coma un reloxo malia que seguramente funcionarían moi ben separados.

A primeira peza, As galas do defunto, comeza cunha composición que lembra ó pictórico. En concreto, A balsa da Medusa do francés Géricault. Os soldados, derrotados e sometidos ao peor das súas vidas, volven a un lugar que non os comprende nin os acolle, un lugar polo que loitaron e que lles quitou todo. Non hai nada que gañar nin que perder, o xogo rematou. Un curioso punto de comezo. En A filla do capitán chámanos a atención, por outra banda, o que semella ser unha Olympia de Manet na que a escrava negra deixa paso aos agresores sexuais que cortexan á súa señora, incapaz de ser máis que un obxecto de admiración para eles. Este xogo de alusións pictóricas flúe ó longo das dúas pezas, pondo a guinda a un espectáculo marcado polo simbolismo e a metáfora visual e actuando, en certo xeito, como guía do ton emocional das pezas.


Publicidade

O máis salientable destes traballos, tamén en canto a pezas dramáticas, é o xeito no que unha é ampliación de outra, pasando do ámbito microsocial ao macrosocial con fluidez e naturalidade. Mentres n’As galas do defunto nos enfrontamos ao drama do soldado retornado, un asunto individual dun home que perdeu o sentido moral ou que considera que tal sentido non ten lugar no país ao que voltou; en A filla do capitán asistimos en certo xeito á corrupción da alta sociedade que leva aos homes como Juanito Ventolera a rematar dese xeito. Vemos nesta peza unha deformación mordaz (ou retrato fiel), dunha sociedade enferma na que as denominadas zonas grises da moral son xogadas e xulgadas por individuos inmorais. Inmorais por escolla e non por non poder escoller, coma Juanito. Nun enorme espello cóncavo o estamento militar enfróntase a si mesmo e ridiculizase sen verse, mais con conciencia de seren vistos.

Martes de Carnaval de Ramón del Valle Inclán

Dirección: Marta Pazos
Tradución: Manuel Cortés
Elenco: Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja, Machi Salgado, Sergio Zearreta
Movemento: Rut Balbís
Escenografía: Fernando Ribeiro
Vestiario: Uxía Vaello
Iluminación: José Álvaro Correia
Música: José Díaz e Hugo Torres
Caracterización: Esther Quintas Salgado
Asesoría de dramaturxia: Hugo Torres
Asesoría lingüística: Rosa Moledo
Traballo de palabra: Ernesto Arias
Asistencia de dirección: Gena Baamonde
Asistencia de escenografía e iluminación: José Faro, “Coti”
Asistencia de vestiario: María Villas
Asistencia de produción: José Díaz

Estrea no Salón Teatro de Compostela. 20 de abril de 2017.

 
 
 
 
 
 
 
 
 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

3 Comments

Leave a Reply
  1. Estimada Laura.

    Agradezo o teu comentario ao respecto da estrea, tan ansiada, de Martes de Carnaval de Valle-Inclán no CDG.
    Como participante da produción (son un dos actores aos que nin sequera mencionas na túa “crítica”) podo asegurarche que respectouse por completo o texto de Don Ramón. De feito traballouse continuamente cunha fantástica lingüista, ademais dun asesor de texto de recoñecido prestixio.
    Dis varias veces no teu escrito que se recortou a obra de Valle, que esta aparece incompleta e relegada en ocasións a un led (ferramenta expresiva teatral que introduce un plano de significación no escenario tan lícito e útil coma o dos actores). Pero non é certo. A única parte do texto que non se verbaliza por completo, ou que se relega a un led, é a das fermosísimas acoutacións, que en ocasións resólvense cun audio, con imaxes ou cunha proposta atmosférica, todas ferramentas expresivas que como ben dis Marta Pazos manexa, e eu engado o calificativo de: con mestría.
    E unha mágoa que a túa opinión, penso que errada, vaia quedar de referencia neste soporte.
    Sen máis.
    Unha aperta.
    Pablo Rivero Madriñan.

  2. Ola Pablo Rivero, Laura non está equivocada para nada no que di, e non fai falla ser lingüista para sabelo. Sería moi preocupante que unha lingüista e un asesor traballasen coa vosa equipa para un resultado lingüístico de tan pésima calidade.

    Na quinta feira desta semana, onte, na Universidade da Coruña, (Facultade de Filoloxía – Aula de teatro) estivemos a comentar un pouco por enriba a vosa versión deste Martes de Carnaval.

    Coincidimos plenamente coa crítica. O espectáculo é fabuloso e divertido en todas as súas dimensións, salvo a lingüística por suposto. Rogaría encarecidamente unha revisión dos textos e que despedísedes ao persoal encargado desta tarefa para que non recibir máis avisos deste tipo. Acho que Valle-Inclán merecía moito máis do que lles destes neste aspecto, sobre todo despois da censura por parte da súa familia para poder chegar a escoitalo en galego.

    Non me corto se che digo que, como filólogo, resúltame insultante a adaptación do texto e non voltaría a ver a obra nin con pase gratuíto para escoitar semellante cantidade de barbaridades. Cousas de secundaria como a colocación de pronomes e non vou seguir, porque non quero enfermar.

    Espero que non tomes a mal as críticas e que traballes por mellorar no teu campo, que polo que dixeches, non é o lingüístico. Se vexo de novo algunha obra da compañía non dubidarei en anotar cada erro para en caso de dúbida poidades darlle un repaso e corrixir.

    Saudacións,

    Paulo Fernández Mirás.

  3. Ola Paulo

    Grazas pola túa opinión, eu tamén penso que o espectáculo é fabuloso.

    Comentáballe a Laura o tema da integridade do texto na produción, non da adaptación, nin de lingüismo, nin de vocalización. O texto está completo.

    Con respecto aos erros na fala, dalgúns somos conscientes e traballamos para evitalos, outros son froito dos nervios, ou do cansazo, ou dun trabuque (esta palabra no existe… erro?) puntual e tamén tentamos evitalos…

    O resultado é positivo, o espectáculo é divertido, sinalemos os erros, pero aplaudamos os acertos coa mesma paixón.

    Teño moito que estudar e que traballar para mellorar o resultado do espectáculo, así que ata aquí a miña participación neste debate.

    Bicos e apertas!!
    Viva o teatro!!!

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

cabezadodragocc81n |

A cabeza do dragón

ballet 2042851 19201 |

Mensaxe Internacional do Día Internacional da Danza