in

Un île flottante

dasweissevomei hp1 5307 |
Foto: Simon Hallstrom

A palabra burguesía xa non está de moda

| Manuel Xestoso |
| Foto: Simon Hallstrom |

 

dasweissevomei hp1 5307 |

 

Une île flottante está inspirada nunha peza de Labiche, La poudre aux yeux, na que dúas familias burguesas pretenden amañar o matrimonio dos seus herdeiros simulando ambas posuír un patrimonio do que xa non gozan coa finalidade de aumentar os seus respectivos capitais. Podería dicirse que é un sainete clásico que se burla dos valores clásicos da burguesía decimonónica. E podería dicirse que a parodia destes valores pode parecerlle algo extemporánea aos que opinan que burgués xa non é un concepto operativo. E, non obstante, este espectáculo podería facerlles cambiar de opinión.

Resulta difícil cuestionar a pertinencia dunha peza ambientada en dúas casas burguesas que non son pobres pero que xa non son tan ricas coma antano; dúas casas burguesas que compiten en soberbia, finxindo ter máis do que realmente teñen; dúas casas burguesas que priorizan a aparencia sobre a esencia, sempre máis preocupadas por defender un pretendido status que por tomar conciencia de cal é a realidade que os arrodea. Botemos unha ollada á Europa dos nosos días e non teremos dúbidas de a quen se dirixe esta peza, aínda que a palabra burguesía xa non estea entre as favoritas dos analistas contemporáneos.

Cristoph Marthaler comeza por crear unha atmosfera enrarecida que está a medio camiño entre o distanciamento brechtiano e o absurdo de Ionesco. As personaxes tardan eternidades en contestarse –puntuando os seus silencios con expresións faciais grotescas– aínda que tamén protagonizan gags clásicos do slapstick. O decorado e o vestiario suxiren que estamos na década de 1950, pero un sinistro mordomo emprega un mando a distancia para activar a música da función, os efectos sonoros e mesmo algunha outra personaxe. O solemne ambiente conservador rómpese de súpeto para que todo o elenco cante ao unísono o “Downtown” de Petula Clark.

Esa estrañeza debe aceptarse como o medio natural en que se van desenvolver a farsa: cando ese mordomo pasea polo escenario diversos animais disecados ou cando recita no inglés orixinal esa obra mestra do nonsense que é o poema “Jabberwocky” de Lewis Carrol, entendemos que existan personaxes –e mesmo clases sociais enteiras– que vivan atrapadas nun aparte. Comprendemos que hai na proposta do director suízo unha posta en abismo do vaudeville que explora as capas de conciencia embalsamadas e soterradas baixo a cháchara trivial do intercambio social máis inocente.


Publicidade

A palabra burguesía xa non está de moda, pero segue a proporcionar pistas sobre o devir dunha sociedade, a europea, que aínda non cesou de ofrecer espléndidos modelos de estupidez. Que unha das familias se exprese en alemán e outra en francés explica a orixe suíza de Marthaler, pero tamén que a estulticia se organiza en torno a un eixo que creou o concepto de burgués ao tempo que iniciaba o camiño das revolucións e as contrarrevolucións. Cando o pretendente descobre unha serpe no seu peto e volve introducila nel sen outorgarlle demasiada importancia, está prefigurando unha dimensión do conflito que vai máis alá do freudiano.

Todos estes temas son tratados cunha profundidade e unha lucidez que non lle impiden ao director crear unha comedia sumamente orixinal e divertidísima que non renuncia ao humor máis básico para aderezar unha trama cuxo aparente clasicismo contén un poder subversivo que non agocha a súa intención. A farsa acaba cando o elenco desmonta e empaqueta o salón burgués que serve de escenario: como se o obxecto de ostentación fose o único sustento dun poder en decadencia.

Esa destrución do decorado pode ser a imaxe dunha posta en escena exemplar pola súa claridade: un escenario pulcro, un texto despexado, un elenco de calidade extraordinaria. Unha lección maxistral que nos despexa o po dos ollos.

 

Un île flottante, creación colectiva a partir de Eugène Labiche

Dirección: Christoph Marthaler
Elenco: Marc Bodnar, Carina Braunschmidt, Charlotte Clamens, Raphael Clamer, Catriona Guggenbuhl, Ueli Jäggi, Graham F. Valentine, Nikola Weisse
Escenografia e figurinos: Anna Viebrock
Dramaturxia: Malte Ubenauf
Asistente de dirección: Gerhard Alt

Festival de Almada. Teatro Municipal Joaquim Benite, 16 de xullo de 2017.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ricardoiiiclujnapoca |

Ricardo III está prohibido

vangelodelbono |

Vangelo