Galicreques converterá Compostela na capital do títere

O Festival celebrará entre os días 14 e 22 a súa 22ª edición, convertendo Santiago de Compostela, un ano máis, en gran referente para o xénero escénico dos títeres.

O Festival Internacional de Títeres Galicreques celebrará a súa 22ª edición entre o 14 e 22 de outubro de 2017 cunha ampla programación que, cun total de 27 espectáculos, contará cun marcado carácter internacional, ao traer a Santiago de Compostela compañías procedentes de Arxentina, Chile, Francia ou Portugal, ademais de formacións galegas e do resto do estado español. A programación, ademais, incluirá unha ampla sección dedicada ao público máis novo –que inclúe funcións para o alumnado de colexios e de institutos– constituída por 15 representacións de outras tantas compañías galegas, estatais e internacionais.

Deste xeito, o festival reedita un ano máis o seu duplo compromiso de achegarlles ao novos espectadores o xénero escénico dos títeres e de creación de novos públicos para a escena.

Os espazos nos que se realizarán as funcións serán a Fundación SGAE (Rúa Salvadas 2ª, Parque de Vista Alegre), o Teatro Principal (Rúa Nova, 21) e o Centro Sociocultural Santa Marta (Rúa Antonio Rama Seoane, 6) e concentraranse principalmente en horario de mañá dos días lectivos para o estudantado, entre o luns 16 e o venres 20. Os centros interesados en levar os seus estudantes ás funcións poderán contactar nos teléfonos 981 80 12 37 ou 667 771 147 de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 h. A adxudicación de prazas farase atendendo á orde na que se fagan as reservas.

Dende a Arxentina a Francia 

A programación centrada no público escolar inclúe compañías galegas, ademais das procedentes de Aragón, Cataluña, Castela León, Murcia, Arxentina e Brasil,

De Murcia chegará Periferia Teatro, compañía que co seu espectáculo Vuela Pluma, destinado a rapaces maiores de tres anos, abrirá o cartel escolar de Galicreques 2017 o luns 16 de outubro. Ese mesmo luns, Títeres Cachirulo ofrecerá no Teatro Principal dúas funcións escolares da montaxe Bala Perdida, adaptación dun texto de Manuel Rivas.

A partir dese día, o Teatro Principal acollerá as montaxes O agasallo de Anya, de Teatro de Marionetas Trécola (martes 17); Viento, dos arxentinos El Colectivo (mércores 18); La dernière danse de Brigitte, dos cataláns Zero en Conducta (xoves 19), e Macbeth, de Alauda Teatro, destinado ao público xuvenil de máis de 14 anos (venres 20).

A Fundación SGAE, pola súa banda, acollerá un novo pase de Vuela pluma, de Periferia Teatro (Martes 18), Güe-güe, dos galegos Larei Lará (mércores 18); Redondo, de Caramuxo Teatro (mércores 18), Poeta niña, da arxentina Gabriela González (Xoves 19), e Mi primer Quijote, dos aragoneses Teatro Arbolé (venres 20).

Por último, o Centro Sociocultural de Santa Marta ofrecerá os pases de O día em que a morte sambou e A señora Rosa e a Morte, de Valeria & Habib e Carmen Domech (mércores 18 e xoves 19), e Recreo, dos aragoneses Títeres sin cabeza (Venres 20).
 

‘Redondo’, de Caramuxo Teatro

 

Fóra do Festival 

As funcións de monicreques estenderanse tamén ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro. Deste xeito, Teatro Escena tamén ofrecerá na Fundación SGAE outras funcións para público escolar ao longo de todo o outono. Deste xeito, o luns e martes 3 de outubro actuarán os valencianos Xarop Teatro con Formas, destinado ao bebés de máis de 8 meses. O luns 9, Teatro de la Estrella, ofrecerá Caperucita y otros lobos. E xa nos meses de novembro e decembro, pola Fundación SGAE pasarán os andaluces A la Sombrita con El patito Feo (3 de novembro), Títeres Cachirulo con O apalpador contra o ladrón de xoguetes (11 e 12 de decembro), Tres tigres Teatro con Serenatas Embichadas (13 de decembro), Chachakún con El investigatopo (14 de decemrbo) e La gotera de Lazotea con El caso del fantasma percusionista (15 de decembro).

Web de Galicreques

Consulta aquí o programa completo.

Deixar unha resposta