in ,

Vigo acolle unha función solidaria de ‘Antón, un neno diferente’

Barafunda e Luart, as compañías que coproducen a peza, doarán parte da recadación a Galiclown

Antón un neno diferente
'Antón, un neno diferente'

O Auditorio de Teis, en Vigo, acolle hoxe, 4 de maio, unha función solidaria de Antón, un neno diferente, un espectáculo de teatro de monicreques realizado en coprodución entre Barafunda Teatro e Luart Teatro e Monicreques que conta a historia dun neno que, por ser fisicamente diferente, é acosado e perseguido polos habitantes do seu pobo. Será ás 19.00 horas, e, segundo informan as compañías, doarán parte da recadación da venda de billetes á asociación Galiclown Pallasos de hospital.

“A través dunha historia fantástica pretendemos facer unha chamada de atención ante os crecentes casos de acoso que acontecen acotío”, explicou Luís Vázquez, guionista e director da obra. “Antón pode ser calquera que, por algunha condición, sexa mal visto polo resto da sociedade. É unha metáfora e unha escusa para, non só visibilizar, senón para sensibilizar aos nosos rapaces sobre as consecuencias do acoso e a valentía dun neno ‘diferente’ para afrontalo”.

A obra está baseada na idea orixinal do dramaturgo e director venezolano Roblán Piñeiro, e as compañías quixeron adaptala a un entorno máis galego, “de aí que o protagonista faga un percorrido pola xeografía desta terra e tope con personaxes coma: o Mago, o Biosbardo, a Coca de Redondela, a Serea Maruxaina e os demos, moi presentes na tradición oral de Galicia”.

Manuel “Lolo” Castro, produtor executivo da montaxe, destacou a orientación pedagóxica do proxecto: “Dende Barafunda apostamos por este proxecto por parecernos sumamente interesante poder contar historias que non soamente sexan un espectáculo, senón que xeren contidos positivos nos nosos rapaces, e cremos que a través dos monicreques podemos logralo. Pretendemos chegar a todos os recunchos da Comunidade de Galicia, especialmente ás escolas, para o que deseñamos unidades didácticas adaptadas ao currículo educativo que poden poñer en práctica docentes e alumnos”.


Publicidade

A produción musical, realizada por Héctor Rodríguez (Lontreira), forma parte esencial da obra, “con bases na música tradicional galega, pero con toques moi modernos”, e para a que contou coa colaboración de recoñecidas cantantes e actrices galegas coma Noemi Blanco, Inés Salvado Gontad, Javier Vidal, Noemi Rodríguez, Simón Pérez e Nerea Rodríguez (quen, ademais, é actriz na obra).

O elenco está formado por Alba Nogueira, actriz e cantante galega titulada en Interpretación textual pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, cun mestrado en Dirección e Xestión de industrias culturais; Alejandro Mejuto, actor que se formou na ESAD e que conta con especialización en dobraxe audiovisual e comedia dell’arte; e Nerea Rodríguez, estudante de Interpretación Xestual da ESAD con formación en talleres da Sala Ártika de Vigo.

Os monicreques e escenografía foron deseñados por Luís Vázquez, actor e director hispano/venezolano, Premio Nacional de Teatro infantil en Venezuela, cunha recoñecida traxectoria en teatro infantil e monicreques; e o deseño e operación de luces son de Javier Quintana, técnico con ampla experiencia no sector que realizou traballos en importantes espazos de Galicia, Madrid e Cantabria.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ay, Cariño! Imaxe da compañía.

Ay, Cariño!: “‘Millo vello’ tenta abrir unha fiestra ao natural nun espazo como un teatro, unha caixa pechada”

David Loira. Imaxe de Cristian Rodríguez.

David Loira: “A miña relación coa danza galega é dende a emigración”