Incendios, Premio do Público do FIOT 2017

  • O espectáculo de Ysarca e Teatro de La Abadía, protagonizado por Nuria Espert, obtivo unha nota de 4,86 sobre 5.
  • A coprodución do FIOT e Contraproducións, Fillos do Sol, logra un gran éxito de audiencia e a terceira mellor nota do público cun 4,6

 

Incendios, a obra de Ysarca e Teatro de la Abadía protagonizada pola veterana Nuria Espert, Premio Princesa de Asturias das Artes, resultou escollida como a gañadora do Premio do Público da XXVI edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, cunha puntuación de 4,86 sobre 5.

Era unha das grandes esperadas e non defraudou. Tampouco o fixeron El hijo que quiero tener, de El Pont Flotant, un impresionante experimento interxeracional que non deixou indiferente a ninguén e que logrou a segunda mellor consideración do público.

Pero entre os éxitos indiscutibles destaca Fillos do Sol, unha estrea absoluta no festival, que coproduciu coa compañía Contraproducións. Calificada coa terceira mellor puntuación (4,6 sobre 5), a última creación do director galego de moda, Cándido Pazó, foi unha das sensacións desta edición, como tamén o fora o ano pasado co Tolleito de Inishmaan, gran triunfadora dos últimos Premios María Casares, con cinco galardóns.

O éxito de Fillos do Sol supón un respaldo do público á estratexia de apoio á creación por parte do FIOT, que este ano coproduciu tres obras e desenvolveu numerosas actividades para favorecer creadores e creadoras emerxentes, como é o caso das residencias de actrices e actores.

A mellor valoración do FIOT en 10 anos

En conxunto, este ano foi o mellor valorado da última década, cunha nota de 4,27 sobre 5. O Ciclo OTNI tamén obtivo o mellor recoñecemento dos espectadores e as espectadoras na súa historia, con 4,2 puntos. No novidoso Certame de Microteatro Metro Cadrado (M²), os favoritos do público foron Amor de pé de Tukumpas Teatro ao mellor espectáculo; Martín Pol (Amor de pé) á mellor interpretación masculina; e Iria Sobrado (Brinde) á mellor interpretación feminina.

O público non só premiou as obras coa súa puntuación, senón tamén coa súa asistencia masiva ás distintas actividades e espectáculos que tiveron lugar entre o 16 de setembro e o 28 de outubro. Así, máis de 10.200 persoas participaron nas 96 actividades do festival, cun total de 6.720 asistentes nas 74 funcións de 35 espectáculos diferentes. Isto deixa unha media de 304 asistentes nas obras do Ciclo Principal, o que supón unha ocupación do 90% en sala.

Un dos grandes referentes culturais de Galicia

A gran confluencia de participantes converte ao FIOT nun dos grandes eventos culturais de Galicia, xa que concentra a un número de persoas equivalente a un terzo da poboación de Carballo, unha cifra con gran impacto social e económico.

A isto súmase a gran calidade da programación, que espertou o interese de moitos profesionais do sector. Ademais da crítica teatral de ámbito galego, asistiron representantes da crítica estatal, doutros medios xeneralistas, produtores e distribuidores de teatro, directores de festivais e numerosos directores, actores e programadores.

Todos estes factores fan que o crecemento do festival supere a capacidade do Pazo da Cultura de Carballo, a súa instalación cultural de referencia, e pon en evidencia a necesidade dun novo equipamento axeitado para espectáculos máis relevantes.

Deixar unha resposta