in

ButacaZero arranca o ano estreando #camiños

camiños butacazero 137 |
Imaxe de Miramemira
A peza aborda o tema identidade galega dende unha perspectiva millenial, mesturando o teatro físico co bufón, as coreografías co teatro textual, o playback coa pasarela de moda nun aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente.
| Fotografía: Javier Lojo |

Acaba de rematar a xira de Voaxa e Carmín, pero ButacaZero, non para. Catro meses despois de estrear Na butaca [fantasía nº3 en Dor Maior], chegará aos teatros #camiños, unha peza de teatro físico, poético e moi político que pecha unha triloxía sobre a memoria.

A nova peza da compañía ven avalada ademais polo Centro Dramático Galego, que coproduce da obra. Será precisamente no Salón Teatro onde se realicen dúas semanas de residencia técnica no mes de xaneiro, ate o día da estrea, o 25 de xaneiro. #camiños permanecerá ate o 28 no propio Salón Teatro, que acollerá tamén funcións escolares xa dende o mércores 24 de xaneiro. Xa en febreiro #camiños chegará á Coruña, ao Teatro Colón, cunha función escolar o venres 9, e outra aberta a público xeral o sábado 10. A finais de febreiro, chegará a Vigo, onde se poderá ver o 24 e 25 na Sala Ártika.

A OBRA

Con Voaxa e Carmín, Carrodeguas quixo abordar a memoria histórica. Con Na butaca, a memoria individual. E desta vez, trátase de levar a escena a memoria do noso pobo: o galego. #camiños nace dunha investigación sobre a multitude de aldeas abandonadas que, cada día máis e máis, enchen a nosa terra. E percorrendo eses camiños na procura de lugares deshabitados, Carrodeguas e Castiñeira foron tecendo unha peza que nos leva, precisamente, de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser. Quen somos os galegos do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade. Para tecer este mapa, ButacaZero bota man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.

AS CHURRASCAS

“aDiosRíos_aDiosFontes”, é o título do primeiro “hit” d’As Churrascas –grupo musical nacido para a peza teatral e composto polas cinco actrices– e no que cantan (e bailan), a Rosalía de Castro, sobre base electrónica, masterizada por Diego Barreiro (Producciones Bo Peixe). O videoclip, que se lanza hoxe en redes, nace para dar visibilidade á proposta teatral e como resulta evidente, é unha nova versión, neste caso electrónica, do coñecido poema de Rosalía de Castro “Adiós ríos, adiós fontes”, e tanto o single como a coreografía formarán parte da proposta teatral, xunto con outras dúas pezas que se poderán escoitar (e gozar) durante o espectáculo en rigoroso playback. O videoclip, grabado en diversas localizacións entre as cales o monte queimado de Chandebrito ou o encoro seco de Eiras, veu realizado por Fran X. Rodriguez (I do Visual), quen levou o Mestre Mateo o pasado ano, precisamente, polo videoclip “Restos de un naufragio” de Igloo.

O EQUIPO

Para abordar #camiños, ButacaZero decide volver usar o tándem que xa utilizaran para Voaxa e Carmín, xa que será de novo Xavier Castiñeira quen asine a dirección. Pero desta vez, a propia Carrodeguas vai ficar tamén en escena, acompañada de Noelia Blanco, Celina Fernández Ponte, Pía Nicoletti e Noa Covelo. Cinco actrices que lucirán en escena grazas a Diego Valeiras, que se encargará do vestiario, a Javier Quintana, que se encargará das luces e a Alba Blanco, quen tamén guiara o traballo corporal en Voaxa e Carmín e que asumirá a dirección da parte coreográfica. A última peza deste collage é Fran X. Rodriguez, que asina os audiovisuais ademáis do videoclip.

A maiores, a peza virá distribuída por Culturactiva, cooperativa cultural xa ben asentada na nosa terra, xa que leva dende o ano 2000 traballando na distribución e produción escénica e musical, na formación e na xestión integral de programacións e proxectos culturais comprometidos e transformadores.

BUTACAZERO. A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, que propoñen un teatro que dialoga directamente co mundo actual: un teatro necesario. A investigación e a reflexión dende un ollar crítico e irónico son as claves que definen as súas propostas que se concretan en dramaturxias feitas á medida nas que a tradición teatral se mestura coas posibilidades que ofrece o audiovisual en escena.


Publicidade

ButacaZero deuse a coñecer no ano 2016 na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia con Voaxa e Carmín, peza que inicia unha triloxía sobre a memoria, neste caso histórica, ao levar a escena a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, as coñecidas Marías de Santiago de Compostela. No 2017 estrean Na butaca [fantasía nº3 en Dor Maior], un solo de teatro-danza no que se aborda a memoria dende o esquecemento individual, investigando sobre as demencias. Con #camiños, que se estreará no 2018, péchase esta triloxía reflexionando sobre a memoria dun pobo: o noso.

XAVIER CASTIÑEIRA. O DIRECTOR

Artesán da escena. Respectuoso co ollar intelixente do espectador. Interesado na mestura da realidade e os mundos poéticos da escena. Os seus últimos espectáculos; El Buscón, Voaxa e Carmín, #camiños revelan a necesidade de experimentar con formas escénicas no que conviven a tradición e a modernidade.

Licenciado en Dirección de escena pola Resad a súa carreira transcorre xunto a diferentes mestres da dirección galega, nacional e internacional como Manuel Lourenzo, Ana Vázquez de Castro, Fabio Mangolini, Andrés del Bosque… A súa formación recolle diferentes métodos que inclúen a gramática corporal de Lêcoq, a preexpresividade de Barba, a diana de Donnellan, a repetición de Meissner, a análise activa de Stanislavski…

ESTHER F. CARRODEGUAS. A DRAMATURGA

Esta rianxeira asenta o seu currículo entre as letras, o audiovisual, e o teatro. A súa escrita cabalga sobre os lindes que separan os xéneros, sendo moitos dos seus textos difíciles de clasificar. Premiada co Pedrón de Ouro polo relato Subir o telón (Edicións do Castro, 2008), con Collage (Barbantesa, 2011) reafírmase nunha escrita persoal e poética. A partir de entón, a súa carreira profesional foi derivando cara ao teatro. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia no 2016, déixase notar a súa formación previa como xornalista, non só na súa colaboración coa Revista Galega de Teatro, senón tamén no seu teatro, que nace dunha necesidade vital de investigación. Así naceu Voaxa e Carmín (Difusora de Artes, Letras e Ideas, 2016. Premio Abrente de Textos Teatrais 2015), Na butaca (Ed. Galaxia, 2017, estreada con ButacaZero tamén no 2017) e por suposto #camiños.

SINOPSE

Carolina viaxa cara aos EEUU. Daiana, neta dunha emigrada galega, volve da Arxentina. Comparten asento no aeroporto. E entre elas, debúxanse milleiros e milleiros de #camiños.

Camiños que unen as aldeas coa cidades, os poemas de Rosalía coa música electrónica, o bodycombat co churrasco, e as fotos viradas sepia coas que acabamos de colgar en ínstagram…

Camiños que unen o que fomos e o que desexamos ser.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AnxoManoel |

Anxo Manoel, de Lucecús: “Tentamos facer teatro social en clave de comedia”

residenciasparaiso18 |

O Colectivo RPM abre o prazo para as Residencias Paraíso 2018