in

A Feroz estréase como compañía co espectáculo Afterparty

Afterparty1 |
O Salón teatro será o espazo que vexa o nacemento dunha nova compañía de teatro. A Feroz Teatro preséntase alí con Afterparty, un espectáculo de teatro posdramático sobre a vida, a decepción e a resistencia.
| Foto: Tamara de la Fuente |

 
Durante catro días a compañía realizará unha residencia técnica na sede do CDG que culminará o día 9 de febreiro nunha estrea por todo o alto que terá continuidade os días 10 e 11 con cadansúa función.

Neste espectáculo, contan dende a compañía, todo se creou e medrou ao tempo: o texto e a posta en escena viñéronse tramando á vez. Afterparty escribiuse directamente na sala de ensaios e todos os elementos do espectáculo se integraron dende o principio nun proceso de creación interdisciplinar moi intenso que, dados os tempos que corren, parece un luxo.

A Feroz contou tamén cos arquitectos Cecilia Castro e Álvaro Mallo, a bailarina Fiona B. McCudden e o músico Manuel Abraldes para a construción dun espazo físico e emocional no que “a partir do espírito do lixo, do exceso posmoderno, dos restos da voda de Canaan, do estudio 54 ás 11 da mañá se eleve finalmente a alma verdadeira dunha xeración”.

Afterparty é unha festa, un artefacto escénico no que a letra, a música, o espazo e o corpo medran á vez nun proceso de creación interdisciplinar. Unha peza que fala da decepción, do empeño na felicidade e das preguntas que se fai unha xeración que chegou tarde a todo.

Este é, por tanto, o inicio esperanzado dun grupo de artistas que segundo din, nace “para dar contexto e vía ao noso amor. Amor pola verdade, polos proxectos honestos, por contar dende as tripas o que nos sucede, pola mestura de artes, de disciplinas, de ciencias, de corpos e de miradas. A Feroz nace coa vontade clara de transcender xuntos as nosas barreiras persoais”.


Publicidade

Afterparty contará con texto, dramaturxia e dirección de Lorena Conde  e coa interpretación dun elenco formado por Lolo Castro, Gustavo Freire, Beatriz Romero e Inés Salvado.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

desincronacidas |

A compañía Desincronacidas, seleccionada para o programa de coproducións do festival Circada

Aladino2 |

Aladino e a lámpada marabillosa (O musical)