Teatro na Gala do Libro Galego 2018

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocan a terceira edición dos Premios Gala do Libro Galego, a celebrar o sábado 19 de maio de 2018 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer as obras gañadoras.

Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2017 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de preselección e á valoración e
fallo por parte dun xurado externo.

Este ano os Premios da Gala do Libro Galego incorporan novidades en relación ás categorías a recoñecer: a anterior modalidade de literatura infantil e xuvenil dá lugar a dúas modalidades, e incorpóranse os premios á obra de divulgación, á banda deseñada e ao libro mellor editado.

Os finalistas na categoría de TEATRO son:

– Marcha fúnebre para un monicreque, de Roi Vidal (Xunta de Galicia/Baía Edicións).
– Na butaca. Fantasía Nº 3 en Dor Maior, de Esther Carrodeguas (Editorial Galaxia):
– Río Bravo, Chévere (Kalandraka Editora).
– Suite Artabria, de Manuel Lourenzo (Edicións Xerais de Galicia).

Ademas, Kalandraka é finalista na categoría de INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA pola súa Colección Biblioteca de Teatro que se iniciou con Río Bravo, de Chévere.

 

A lista completa de finalistas en todas as categorías pode consultarse aquí.

Deixar unha resposta