Libros: novidades

O Tartufo, de Molière. Tradución de Henrique Harguindey, Laiovento. 130 páxs.

«O Tartufo representa de xeito manifesto o triunfo da liberdade de expresión fronte á censura e o intento de afogar toda crítica ao Poder. Molière mantivo unha dura loita, resistindo rexamente contra o forte sector reaccionario incrustado no aparato do Estado e acadou finalmente a liberdade de representación. E dende o século XVII aos nosos días O Tartufo ven engaiolando arreo directores e directoras, grupos teatrais e público nas máis variadas latitudes e linguas.

Laiovento publica por primeira vez en galego O Tartufo na súa integridade e orixinalidade, sen cortes nin adaptacións; en verso, por fidelidade ao texto do autor e por recoñecemento á capacidade expresiva da nosa lingua, que pasa moi dignamente esta esixente proba. E a comedia acompáñase con varios documentos imprescindíbeis nunha boa edición: os tres placetnos que Molière pediu ao rei que autorizase a representación e mais o magnífico prefacio no que realiza unha inmorrente defensa do Teatro, ao que el consagrou literalmente a súa vida».

 

 

A Lola, de Manuel Ayán Díaz, Laiovento, 90 páxs.

A Lola son todas as mulleres que sobreviviron aos seus maridos, arrebatados polo terror franquista.

O relato xoga co presente (mediados dos anos sesenta) e o pasado (os anos da 2ª República e os inmediatamente posteriores ao golpe militar de xullo de 1936). A súa trama está determinada polo que se denomina o “pasado non ausente”: polo feito de que o sucedido nos anos da represión posterior ao golpe segue a condicionar as vidas e as condutas de varias xeracións, porque o silencio sobre aqueles feitos impide a superación do trauma.

David e Teresa, mozos abertos aos novos aires que comezan a infiltrarse na sociedade española, deciden casar e regresan á casa nativa para comunicarllelo aos seus pais. Pero os traumas do pasado seguen presentes: a historia dos pais de Teresa, familia comprometida dende o primeiro momento co novo réxime e a dos pais de David, identificados cos ideais republicanos, frustran os desexos dos mozos.

Na obra recréase o ambiente, ideais e confrontacións entre dúas formas de entender a sociedade: os valores da tradición patriarcal e escolástica dos golpistas fronte as ideas constitucionais de igualdade e liberdade democrática.

 

 

Eroski Paraiso, Chévere, Kalandraka. 88 páxs.

Eroski Paraíso é unha comedia documental que explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación das relacións dentro dunha pequena comunidade a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas O Paraíso, que funcionou en Muros de 1972 a 1990 e que despois converteuse nun supermercado Eroski. Este feito repítese en numerosas vilas e cidades onde os cines, as salas de festa e outros espazos de socialización foron virando en lugares de consumo.

Dirixida por Xesús Ron, a obra adapta a linguaxe cinematográfica e os recursos do documental para artellar unha peza teatral na que os personaxes chegan a resultar máis reais que os propios intérpretes. Os protagonistas son unha parella que se coñeceu n’O Paraíso, e a súa filla, nacida ao ano seguinte do peche da sala. Vinte e cinco anos despois a moza estuda cine en Barcelona e volve á vila para facer unha película sobre os seus pais. Premio María Casares 2017 á mellor dirección, mellor espectáculo, mellor actriz protagonista e mellor canción orixinal, Eroski Paraíso estreouse no Teatro Principal de Donostia e na antiga fábrica de conservas Sel de Muros en marzo de 2016. Durante dous anos representouse por toda Galicia, en Matadero-Madrid e máis dunha vintena de cidades, superando o centenar de funcións.

Coa colección Biblioteca de Teatro, KALANDRAKA contribúe á celebración dos 30 anos de Chévere publicando as súas obras completas para que os espectadores sigan gozando do seu talento cando cae o pano. A iniciativa busca documentar ese teatro “feito a pé de escenario”, como precisa a compañía, da que é posible ir descubrindo “como transforma o texto cun imaxinario propio e intransferible” forxando un estilo xenuíno que se caracteriza polo “ton irreverente e canalla” das súas producións.

 

 

Casa de bonecas, Henrik Ibsen, adaptación de Xoán Carlos Mejuto, Positivas.

A nova colección DiTeatro de Edicións Positivas presentase con esta adaptación de Casa de bonecas de Ibsen a cargo de Xoán Carlos Mejuto realizada para o ciclo “Clásicos nunha hora”.

Son moitas as novidades que promete esta colección, cambios relacionados coa edición e mesmo coa distribución dos textos teatrais. Cambios necesarios para aumentar a lectura de teatro, así como unha maior consideración deste xénero literario.

Segundo a editorial, “serán libros que saen á busca do lector, nos teatros, na rúa… en todo tipo de espazos. Porque sabemos que a non lectura de textos teatrais tamén ten relación coa distribución, coa case nula visibilidade.”

A colección nace para buscar lectores de teatro, para o que é necesario experimentar iniciativas novas. Axiña publicarán novos títulos, que irán alí onde están os lectores, nas funcións. Tentarán, entre outras novidades, que os libros teñan un prezo medio de 5,00 €.

 

 

A soidade do asasino, Carlos G. Reigosa, Xerais. 72 páxinas

A dialéctica entre o asasino e a vítima ten moitas máis caras das que imaxinamos. E isto é así porque nesta peza teatral, cando os dous comezan a falar, sucede algo inevitable e prodixioso: deixan de ser dous descoñecidos! Xa non son os estraños que eran, porque, con verdades e mentiras, van descubrindo as súas identidades. Isto condiciona a acción, demora os feitos e pon sobre o escenario a esencia dunha “nova relación” que progresa cara a un final incerto.

Pode o asasino deixar de selo? Non, mentres sinta que esa é a súa profesión e o seu compromiso. Pode a vítima evitar o seu destino fatal? Non, se non é capaz de cambiar a correlación de forzas de partida. En “A soidade do asasino” todo sucede nun escenario único, mentres as ideas que flúen e conmoven están nas cabezas desas dúas persoas que avanzan por un vieiro descoñecido cara a un destino tan sorprendente como inevitable.

Deixar unha resposta