Convocadas as axudas a festivais de artes escénicas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de subvencións da Agadic a festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional cunha dotación de 460.000 euros. Esta cifra, que supón un incremento do 18% (70.000 euros) respecto ao ano pasado, distribuirase en 280.000 para os eventos musicais e 180.000 para os de escena.



 

Segundo as bases que poden consultarse no web do Diario Oficial de Galicia, son obxecto desta convocatoria os festivais celebrados entre o 1 de novembro de 2017 e o 31 de outubro de 2018, organizados por entidades privadas ou por administracións locais, cunha traxectoria de polo menos dúas edicións anteriores e que ofrezan nos seus carteis un mínimo de seis compañías ou grupos, entre outros requisitos.

Establécese, así mesmo, que o 40% do orzamento subvencionable debe corresponder á contratación artística no caso dos festivais de música e o 30 por cento nos escénicos. Para esta última modalidade, engádese que a presenza de formacións compostas maioritariamente por artistas que desenvolvan a súa actividade en Galicia ten que supoñer, como mínimo, o 20% da contratación artística do festival ou o 30 por cento do total das actuacións profesionais que se ofrezan.

Tamén é requisito indispensable que polo menos un 50% dos concertos ou representacións escénicas do programa sexa con entrada de pago, agás no caso dos festivais de artes escénicas de rúa.

 

Sector cultural estratéxico



Este texto fai especial fincapé na consideración deste tipo festivais como un sector cultural estratéxico para Galicia e no impulso da súa profesionalidade, de xeito que se esixe que polo menos a metade dos concertos ou representacións programadas sexan de pago, agás no caso dos festivais escénicos de rúa.

As subvencións serán concedidas mediante o procedemento de concorrencia competitiva e cada unha das solicitudes será avaliada, de acordo co baremo especificado nas bases, por unha comisión da que formarán parte expertos independentes.

Para as persoas xurídicas ou as súas representantes, é obrigatoria a presentación telemática a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para o resto dos casos, debe presentarse preferiblemente por vía electrónica e, de xeito opcional, en formato físico a través dos lugares e rexistros establecidos na normativa.

 

Festivais de carácter afeccionado

Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca hoxe as subvencións destinadas a organizacións sen ánimo de lucro e concellos ou agrupacións de concellos para os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2018.

A contía total destas axudas ascende a 50.000 euros e o prazo para a presentación das solicitudes remata tamén o 30 de abril, segundo as bases que poden consultarse aquí.

Deixar unha resposta