XXIII Certame de Teatro Intercentros de Compostela

O Certame de Teatro Intercentros, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía e a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística, segue ofrecendo a alumnado de Primaria, Secundaria e Bacharelato de Santiago e comarca a oportunidade de amosar ao público o traballo teatral realizado ao longo do curso nos centros escolares. O certame comezará o 7 de maio e estenderase ata o 22 do mesmo mes.

Os preparativos do certame comezan ao principio do curso, no que se constitúen os grupos, se deciden as obras a interpretar, os vestiarios ou o decorado, e se ensaian as técnicas básicas da interpretación teatral. Chegado maio, todas as obras son interpretadas no Teatro Principal nunhas funcións abertas ao público.

Na presentación, tomaron a palabra Brais Pena e Irene Ouzande, alumno e alumna do CEIP de Roxos e do Xelmírez I, respectivamente. Brais asegurou que o teatro lle permite “expoñer e vocalizar mellor en clase” e Irene indicou que tamén lle axuda a “desconectar, a perder a vergoña e a entender aos compañeiros e compañeiras sen necesidade de falar”.

 

Calendario

As representacións comezarán o 7 de maio ás 10:30 horas coa obra Odisea polo universo de Agustín Fernández Paz, da man dos alumnos e alumnas do IES Eduardo Pondal. Ás 12:30 horas será a quenda do CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Bailerón, de Dodro, coa obra A arboriña de Nadal. Xa pola tarde tócalle a vez ao IES Rosalía de Castro, coas obras Pelagatos e Ágora, ás 17:30 e 20:00 horas, respectivamente.

O 8 de maio pola mañá, os alumnos e alumnas do IES Antón Fraguas subirán ás táboas do Principal para representar Universos de lectura e As instancias da morte, en horario de mañá. Xa pola tarde é a vez do IES Pontepedriña, con Over the rainbow, e do IES Xelmírez I, con Punto de fuga. As representacións dos institutos de secundaria chegarán á súa fin o 21 de maio co traballo do CPI dos Dices-Rois, A taberna do Chato.

O alumnado dos colexios de primaria realizará as súas obras teatrais os días 21 e 22 de maio, día no que se porá fin a esta edición número 23 do Festival de Teatro Intercentros. Así, o alumnado do CEIP de Roxos interpretará Restaurante Farruco o 21 de maio ás 10:30 horas. Unha hora máis tarde é a quenda do CEEPR Aspanaes con Así é o meu corazón. O 22 de maio, ás 10:30 horas, o Colexio San Jorge traerá para todos os públicos a obra Monstros. Pechará o certame o CEIP López Ferreiro, con Rillotes.

 

Descarga do Calendario de actuacións

Deixar unha resposta