in

A Agadic edita un manual para a avaliación do impacto dos festivais

canparade |

A Agadic vén de editar Da medición do impacto á mellora. Metodoloxía de avaliación de eventos culturais. O caso do Festival de Cans, estudo pioneiro na investigación cultural que asina Fran Núñez. O manual achega unha metodoloxía propia, a Avaliación 360º, aplicada ao certame porriñés e extrapolable a outros festivais e encontros culturais.

Gran coñecedor do sector cultural galego como fundador de Limiar Teatro e como produtor, director teatral, dramaturgo, escenógrafo, iluminador ou actor, Fran Núñez fai aquí unha análise do impacto dos festivais galegos nas súas dimensións económica, social e mediática (repercusión en medios de comunicación e na cultura en xeral).

Para conseguilo utiliza unha metodoloxía orixinal denominada Avaliación 360º, que simplifica a recollida, procesamento e análise da información sobre o evento obxecto de estudo e crea un sistema propio de indicadores de medición a partir dos que tamén se poden determinar as cuestións que precisan axustes ou melloras por parte da organización dos eventos.

 

Futuras aplicacións prácticas

Esta novidade metodolóxica, unida á súa utilidade práctica, levaron á Agadic a asumir a publicación do manual en formato físico, tendo en conta ademais a escaseza deste tipo de achegas científicas no ámbito cultural. De feito, son varios os eventos e promotores culturais galegos que xa manifestaron o seu interese en incorporar este método ás súas planificacións de xestión.


Publicidade

Nesta publicación, Fran Núñez comeza facendo un estudo da evolución do investimento do sector público desde os primeiros anos do actual período democrático, para pasar a desagregar as principais características dos eventos culturais, establecendo unha serie de categorías que favorecen unha análise máis sinxela e homoxénea.

A continuación, demostra as posibilidades prácticas do método Avaliación 360º coa súa aplicación ao Festival de Cans. Deste xeito, ofréceselles aos xestores culturais unha valiosa ferramenta para medir a rendibilidade dos fondos públicos investidos na organización deste tipo de eventos, ao tempo que se motiva o investimento por parte do sector privado.

Da medición do impacto á mellora. Metodoloxía de avaliación de eventos culturais. O caso do Festival de Cans significa, ademais, un avance substancial canto ao estudo do público dos festivais, factor determinante para orientar futuras estratexias de captación e fidelización de asistentes, así como de posibles vías de crecemento.

O libro xa se pode adquirir na Libraría Institucional da Xunta de Galicia.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

cdgletras2018 |

Xornada de portas abertas no Salón Teatro para celebrar o Día das Letras Galegas

ballet 335493 |

Cursos de verán do Centro Coreográfico Galego